TRADUCIÓN DO CLÁSICO DE LEWIS GRASSIC GIBBON

De como o rural escocés se asomou ás turbulencias do século XX

De como o rural escocés se asomou ás turbulencias do século XX
Fotograma do filme 'Canción de solpor' (2015), dirixido por Terence Davies a partir da novela de Lewis Grassic Gibbon.
Fotograma do filme 'Canción de solpor' (2015), dirixido por Terence Davies a partir da novela de Lewis Grassic Gibbon.  

É unha das novelas escocesas por excelencia. Narra os abismos, as contradicións, as mudanzas, ás que se enfronta unha comunidade rural no gran vendaval dos anos dez do século XX. Escribiuna en 1932 Lewis Grassic Gibbon, socialista e natural de Aberdeenshire. Celia Recarey Rendo acaba de traducir ao galego este clásico, Canción de solpor (Irmás Cartoné, 2018).
 


“Trátase dun dos libros predilectos das lectoras e lectores escoceses”, explica a tradutora, “e, desde Galiza, resulta doado identificarse co que conta: unha contorna de mudanza entre inicios de século e a Primeira Guerra Mundial”. Protagonizada por Chris Guthrie, “unha personaxe feminina moi potente, unha muller sólida”, a narración atravesa turbulencias e incertezas, sobre todo derivadas da conflagración bélica.

getimage5094-lewis-grassic-gibbon.300x300n

Para Recarey Rendo, o relato de Canción de solpor é “o dunha época convulsa”, en que o individual e o colectivo se entrecruzan sen derregas claras. A Gran Guerra interimperialista produce efectos no territorio imaxinado de Kinraddie -localizado no nordeste de Escocia, como Aberdeenshire- e axita vidas pequenas, existencias labregas ate o intre apenas mobilizadas polo ciclo das estacións.

“É singular como Grassic Gibbon se move entre o realismo social, duro, e o lirismo íntimo”, sinala Recarey. A novela sucede, ao cabo, a medio camiño do solpor do mundo agrario tradicional e da violenta modernidade expresada polo belicismo. E aínda que Chris Guthrie é a peza principal do elenco, moitas outras personaxes contribúen ás “variacións de perspectiva coas que acabas como por entrar na comunidade”.

Canción de solpor foi o primeiro elo da triloxía A Scots Quair, formada ademais por Cloud Howe (1933) e Grey Granite (1934). O precoz Lewis Grassic Gibbon (de nome real James Leslie Mitchell). morreu con 34 anos en 1935. Só con 16 participara no efémero sóviet de Aberdeen en solidariedade coa Revolución Rusa. Escribiu moitas outras obras, ás veces de ciencia ficción, ás veces narrativa histórica.

canción de solpor

Mais ningunha como esta Canción de solpor se achegou tanto á súa Escocia natal. Mesmo na súa sintaxe xoga a se mesturar co escocés e a investigar na oralidade. “Hai elementos do contexto sociolingüístico da obra que non podes reproducir, mais si ese punto peculiar en que se ve que é unha fala propia”, explica a tradutora Celia Recarey, “sen pasarse. Porque non é folclorizante”.

Este -segundo a contracapa da edición- “canto de amor á terra e fermoso testemuño literario dun mundo que esmorece” transformouno o cineasta Terence Davies en filme. Seguirao na colección das Irmás Cartoné a tradución de A señora Dalloway (1925), de Virginia Woolf, e en galego tamén da man de Recarey Rendo.  

Nota: imaxe de Grassic Gibbon e cuberta da tradución da súa novela clásica.