O sábado terá lugar a primeira Gala do Libro Galego 

O sábado terá lugar a primeira Gala do Libro Galego 
Presentación da Gala do Libro Galego
Presentación da Gala do Libro Galego  

Chegou a parcelaria ao libro galego e mañá sábado poderemos asistir á primeira edición da Gala do Libro Galego, que entregará os seus premios correspondentes a catorce categorías. 


A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia convocan os Premios Gala do Libro Galego 2016 co que se pretende recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2015 en Galiza. As obras gañadoras, sen dotación económica, serán determinadas por un xurado externo sobre unha listaxe de obras finalistas conformada polas bases asociativas das tres entidades convocantes. 

Manuel Rivas opta a dous premios por dous libros distintos (O último día en Terranova de narrativa e A boca da terra en poesía), ao igual que María Solar en literatura infantil e xuvenil (O meu pesadelo favorito e Teño uns pés perfectos). En canto ás editoriais, Xerais opta a 11 premios, tendo moi por detrás a Alvarellos (4), Kalandraka (3), Tambre (3) e Galaxia (2). Sermos Galiza aspira a un dos galardóns, o de Xornalismo Cultural.  

Pere Gimferrer, Galego Universal

Hoxe sexta feira, o catalán Pere Gimferrer recolleu da man da AELG o Premio Escritor Galego Universal 2016, sumándose a unha nómina de escritoras e escritores Mahmud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga e Luiz Ruffato.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca con esta mención a alta calidade literaria do conxunto da obra de Pere Gimferrer (Barcelona, 1945), coa que nos dá testemuño do seu tempo, do noso tempo, desde un insubornábel compromiso ético. A súa é unha traxectoria literaria incontestábel, aprezada por crítica e público.