ANDREA BAYER LEMBRA OS INICIOS DO ENCONTRO

Salón do Libro de Pontevedra: o campo de probas das contadoras

Salón do Libro de Pontevedra: o campo de probas das contadoras
Andrea Bayer e compañía Baobab presentan a obra 'Mai Mai'. Foto: Baobab.
Andrea Bayer e compañía Baobab presentan a obra 'Mai Mai'. Foto: Baobab.  

Cativas e cativos chegadas de todo o país invaden o recinto. Durante semanas, o Pazo da Cultura de Pontevedra convértese en epicentro do vizoso mundo galego da literatura infantil e xuvenil. E no campo de probas ao que acoden contadoras de diversa condición para experimentar as súas propostas. Non por acaso “experiencia” é a primeira palabra que pronuncia Andrea Bayer preguntada polo que lle achega o Salón do Libro.
 


“Adquires moita experiencia. Eu nótome con máis experiencia”, explica a Sermos Galiza. A narradora oral e actriz participa no encontro de Pontevedra desde a primeira edición. Estivo entre as fundadoras, hai 20 anos. “Xurdiu dunha iniciativa voluntaria”, relata, “e contamos coa complicidade do daquela concelleiro de Cultura, Luís Bará”. Mestras, escritoras, bibliotecarias, editoras, confabuláronse para construír unha cita internacional e “comprometida coas crianzas desta Boa Vila”.

Mais o voluntariado, engade Bayer, tamén na compañía teatral Baobab, “non pode ser eterno”. A historia do Salón é, tamén, a historia da súa profesionalización. E do seu crecemento. “O público medrou e foron aparecendo familias. Tamén medrou en espazo. Pero o Salón do Libro tivo moita repercusión desde o comezo. E derivou cara onde tiña que derivar”, di satisfeita.

Ducias de espectáculos e actuacións compoñen a programación. E, con todo, non soamente a audiencia extrae beneficios dela. As artistas considérano, en palabras de Bayer, “fundamental”: “Teces vínculos con outras contadoras e profesionais. Aproxímaste á cultura e sempre atopas algo novo, por moi ao día que esteas. Falas moito co público e iso axúdache no teu traballo”. E tamén a comprender as mudanzas sociais.

Porque segundo a contadora, que neste 20º Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra ofreceu Contos curtos e revoltos, o público cambia. “A aparición das novas tecnoloxías da comunicación teñen parte boa e parte mala”, afirma, “e os nenos e nenas están agora máis dispersos, élles máis difícil manter a atención. Nas pantallas todo é demasiado inmediato. Non hai que escoitar”.

Para afrontar eses novos hábitos, esa nova condición, tamén serve o teatro. Baobab, a compañía de Bayer, estreou Mai Mai no Salón. De feito, estrean no Salón practicamente todos os anos. “Perdes medo, probas cousas, desbotas outras”, sinala. Neste caso, a obra achégase a dous temas de actualidade, e graves: a violencia machista e o quecemento global. “Ao cabo, nós cremos na educación desde a base para acabar cos problemas de raíz, e achegar o noso gran de area”, conclúe.



x