O Salón do Libro gaña o primeiro Premio do Público Culturgal

O Salón do Libro gaña o primeiro Premio do Público Culturgal
Salón do Libro
Salón do Libro  

A votación pechábase ás 00 horas desta sexta feira, momento no que o resultado daba como iniciativa gañadora da primeira edición do Premio do Público Culturgal ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Impúxose na votación popular ao Festival de Cans, que quedou en segundo posto, e a PuntoGal, en terceiro lugar. 


Comparten espazo no Pazo da Cultura de Pontevedra e daranse a man o próximo día 1 de decembro, cando Culturgal entregue ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra o primeiro Premio do Público que se resolve despois de vinte días de votación na rede na que o público puido optar entre as tres opcións propostas pola organización. 

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra é un programa do Concello de Pontevedra que naceu hai quince anos e que ten como obxectivo a promoción da lectura nas primeiras idades. Neste tempo, consolidouse como unha cita obrigada na que milleiros de persoas participan nunha completa programación converte o Salón no principal escaparate das novidades culturais para as primeiras idades, editoriais mais tamén de artes escénicas e musicais. 

Quince anos de libros

Impulsado en 1999 por un grupo de persoas que buscaban a creación dun novo espazo para que o público máis novo se atopara cos libros e a lectura ten nos seu obxectivo o ser un foro de festa literaria, de cita cos libros das crianzas e promoción das novidades do sector cultural que medra arredor de públicos novos. 

O Salón homenaxeará na próxima edición ao conxunto de escritores e escritoras que foron recoñecidos nas anteriores edicións e que dan medida da solidez da  nosa literatura infantil e xuvenil. María Vitoria Moreno, Neura Vilas e Anisia Miranda, Bernardino Graña, Xabier P. Docampo, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Paco Martín, Gloria Sánchez e Marilar Aleixandre compoñen o ronsel de autores e autoras que compartirán recoñecemento colectivo ao se cumpriren 15 anos do nacementos do Salón do Libro en Pontevedra. 

“Cociñando Contos” é o tema escollido para a próxima edición, vencellado ao proxecto europeo “Europa a la carta” no que participa en parcería coa editorial Oqo.  A ilustradora da AGPI que se encargará de deseñar o o cartel será Natalia Rey González, Pirusca que traballa na imaxe do encontro que terá lugar do 14 de marzo ao 5 de abril.

O Salón do Libro impúxose ao Festival de Cans e a Puntogal nunha elección a través da páxina web de Culturgal que rematou no inicio do día de hoxe, cando os votos emitidos deron o trunfo á iniciativa de Pontevedra. O premio entregarase nun acto público na propia feira o domingo día 1 de decembro.