FESTIVAL DE POESÍA DO CONDADO

Salvaterra: Rebeldía e dignidade galega

Salvaterra: Rebeldía e dignidade galega
Unha das actividades do Festival de Poesía do Condado.
Unha das actividades do Festival de Poesía do Condado.  
Creado en 1981, o Festival da Poesía do Condado celebra o sábado no recinto amurallado de Salvaterra a súa XXXIII edición, a décimo oitava consecutiva. Convertido xa nun evento poliédrico e multidisciplinar que transcende os propios límites da lírica, este ano terá lugar baixo o lema “Internacionalismo, ternura dos povos” como xeito de apoiar a causa dos países que “ven ameazada a súa soberanía polo imperialismo” e dos pobos, “como o galego, vasco ou catalán”, que “loitan polos seus dereitos nacionais e sociais no camiño da independencia”. Eis un extracto da información publicada ao respeito no número 361 do semanario en papel Sermos Galiza.

m7_FS_2-3_CulturaA última etapa do franquismo estivo caracterizada pola convulsión en todos os eidos, especialmente no social. Lonxe da “extraordinaria placidez”, en verbas do ex ministro do Interior de Aznar, Jaime Mayor Oreja, produciuse un agravamento da xa non pequena represión a partir da morte de Carrero Blanco. Ese mesmo ano, 1973, un grupo de valentes creaba a Sociedade Cultural e Desportiva do Condado. Nado como equipo de fútbol co escudo do Condado e a bandeira galega estampada na camisola, quedaron campións de liga na súa primeira tempada.

Os seus fundadores, entre os que estaba Xosé González, eran un grupo de mozos “nacionalistas e independentistas” que viron no fútbol unha oportunidade para dar un primeiro paso á hora de constituírse como asociación e poder levar a cabo actividades sociais e culturais en todas as parroquias de Salvaterra: cineclubes –con proxección de filmes prohibidos como O Acorazado Potemkin–, exposicións, concertos, magostos, plantacións de árbores nos colexios…

Dese xermolo guerrilleiro e combativo acabou por brotar, case unha década despois da fundación da SCD, o Festival da Poesía do Condado. En 1981 celebrábase un evento que tiña como obxectivo “axuntar” os autores máis populares na Galiza dunha disciplina que daquela era considerada como “o parrulo feo da escritura”, como sinala Xosé González. Co paso do tempo, aquel modesto festival desenvolvido sen apoio institucional de ningún tipo creceu até ver como nomes do nivel de Manuel Rivas, María do Carme Kruckenberg, Manuel María, Xosé Neira Vilas, Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, María do Cebreiro ou Marta Dacosta se achegaban ano tras ano a recitar ás murallas de Salvaterra do Miño.

O seu desenvolvemento fixo que non só se xuntase o mellor da cultura galega, lusófona e internacional, senón que traspasase as fronteiras da poesía para abrazar outras disciplinas culturais como o teatro, a fotografía, a escultura, a pintura, o coiro, as gaitas ou o humor gráfico, celebrando mesmo algunhas edicións fóra de Salvaterra, en localidades como Ponteareas, O Porriño ou Salceda de Caselas.

Porén, cuestións económicas derivadas da falta de apoio institucional e mesmo boicots político-mediáticos fixeron que un evento que xa era referencia a nivel nacional chegase á súa fin no ano 1995. Pasarían sete anos, até 2002, cando volvese xa comandado por unha nova xeración que, en combinación coa vella garda, lle deu un pulo ao Festival da Poesía do Condado que continúa até a actualidade.

Un deses mozos que deron o paso adiante a principios de século para recuperalo foi Carlos Barros, quen explica as dificultades ás que se enfrontaron: “A tarefa principal foi reunir o capital humano suficiente que lle permitise a esa xente sentirse arroupada e con forzas para emprender o camiño de organizar o festival, porque para os recursos cos que contabamos era algo moi ambicioso. Tentamos reunir poetas da xeografía galega e internacional, traer grupos bos e deseñar unha programación cultural completa que fixese dese día unha referencia para a cultura alternativa en Salvaterra, a comarca e tamén no país”.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 361 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]