Samaín gaña terreo a Halloween

Samaín gaña terreo a Halloween
Calacús nas Rías Baixas, caveiras de melón en Cedeira, calabazotes en Ortigueira ou colondros en Ourense. Foto: Cedida.
Calacús nas Rías Baixas, caveiras de melón en Cedeira, calabazotes en Ortigueira ou colondros en Ourense. Foto: Cedida.  
Cada vez máis xente reivindica a tradición galega fronte á americana. O Samaín gaña cada vez máis forza. Aínda que hai quen critica a asimilación de parte das tradicións por mor da influencia da cultura estadounidense a través do seu omnipresente Halloween, a festa celta conseguiu traer os nosos costumes ao presente e impoñerse sobre a celebración foránea. Eis un estrato da peza publicada no número 370 do semanario en papel Sermos Galiza.

O mestre de Cedeira Rafael López Loureiro foi un dos principais promotores do Samaín, ou como el prefire chamarlle, Festa das Caliveras, tal e como reza o título do libro que resume as súas investigacións. A necesidade de recuperar a nosa propia tradición xurdiu cando a súa filla chegou fascinada das aulas de inglés falando do Halloween, a popular festa americana para a que ía tallar unha cabaza. Ela xa perdera o que para seu pai eran lembranzas da infancia e asumía a encomenda como algo novo e exótico. Mais para el, esta práctica cos calacús era do máis común, algo totalmente propio. “O mesmo que lle pasou á miña filla vaille pasar a todas as crianzas da Galiza”, pensou Loureiro. E tomou cartas no asunto para que non acontecese.

Desde inicios dos anos noventa a Asociación Cultural “Chirlateira”, da que Loureiro participaba, comezou a organizar unha pequena festa de Samaín, como se lle acabou chamando, na que o obxectivo principal era recuperar ou difundir o costume de baleirar e esculpir caliveras de melón. Nesta pequena xuntanza puñan especial énfase no uso de vestimenta de civil, sendo condición indispensábel non ir disfrazados. A primeira edición celebrouse a 24 de novembro de 1990 e, a partir de aí, non fixo máis que medrar, até quedar asociada en toda Galiza como unha alternativa a un Halloween que xa practicamente conseguiu desbancar, pasando a celebrarse de maneira maioritaria na véspera de Defuntos.

A principal tradición reivindicada pola asociación ten a ver coas cabazas, con testemuños de uso tan só 30 anos antes. As crianzas adoitaban recollelas, furalas e decoralas. Deseguido, púñanlles dentro unha candea e colocábanas en cruces de camiños, nas portas das casas ou en calellas escuras, para asustar ás persoas que que acudían á misa ou que pasaban simplemente por alí, como farían antano os celtas coas caveiras auténticas dos seus inimigos, procurando manter afastados os malos espíritos. O labor de escolas e asociacións conseguiu recuperar estas actividades propias cunha denominación que daquela non existía, que bebe do vencello destas tradicións coas culturas atlánticas. O Samahín, palabra celta da que se adapta o noso, sinala a fin da tempada de colleitas e o comezo dun novo ano, coa chegada do inverno, a estación escura. A festividade pagá, que se celebraría tamén no noso territorio, foi adoptada e adaptada polo cristianismo até convertela no Día de Todos os Santos. 

“Na Galiza fomos os primeiros en pórlle unha bandeira fronte ao Halloween”, apunta Loureiro

Pioneiro

Malia que estas tradicións non son exclusivas da nosa terra, senón que se manifestan nesa “faixa céltica”, na Galiza “fomos os primeiros en pórlle unha bandeira fronte ao Halloween”. Nese senso, Loureiro móstrase moi orgulloso do traballo desenvolvido na media en que serve “para a vertebración do país”. Con todo, teme que a popularidade que gañou a festa nos últimos anos a teña transformado nunha amálgama coa súa versión americana, que non respecte a auténtica filosofía e idiosincrasia da nosa cultura.

Cómpre termos presente, como sinala Loureiro, que “Halloween existe por mor da festa do Samaín”, pois bebe da versión quer irlandesa, quer galega, que foi levada ao continente americano pola emigración, orixinando as diversas variantes da festividade dos defuntos que podemos atopar do outro lado do charco. Mentres en lugares como México se converteu no Día de Mortos, nos Estados Unidos transformouse nunha sorte de entroido de outono, un “delirio que veu de volta”, di o mestre, contaminando as nosas prácticas tradicionais recuperadas, de xeito que nalgúns casos pasou “de Samaín a Hallowmaín”.

mini-samain1

O arqueólogo Felipe‑Senén considera máis acertado falar de tempo de defuntos, nome co que se coñecía popularmente a celebración que aínda lembran as persoas máis vellas, pois se ben é certo que aquí puidese haber un equivalente á divindade de carácter irlandés que denota o Samaín, non é a tradición que sobreviviu. Ao contrario, foi absorbida polo cristianismo, mais, como adoita acontecer, mantendo elementos de carácter pagán. Por iso, se ben o Samaín pode funcionar como trazo de unión das periferias atlánticas, Felipe‑ Senén insiste en ter coidado de “non solapar a nosa cultura con outras e avasalar a nosa orixinalidade”.

A idea da que partiu o rexurdimento do Samaín era unha “festa etnográfica, infantil e branca, no senso de que non houbese drogas de ningún tipo”, afirma Loureiro. El mesmo insiste en que se cadra outras denominacións serían máis axeitadas, porén, a que triunfou, xa indubidalmente, é a do Samaín. O que isto denota en última instancia, na opinión de Felipe‑Senén, é unha “recuperación con base histórica, pero non tradicional”. A esencia, común en calquera caso, é a crenza da disolución dos espazos entre os vivos e os mortos, podendo as ánimas andaren entre nós ao seu antollo. De aí os costumes de deixar o lume da lareira prendido toda a noite ou o caldo quente, para que puidesen entrar en calor. 

Magostos e castañadas

Para alén do máis, o Samaín tiña todo que ver co magosto. Para Loureiro, forma un todo imbricado, pois lembremos que no saber popular “cando unha castaña estoupa é unha ánima que foxe do purgatorio”. Como explica Felipe‑Senén, a propia castaña é unha metáfora da “rexeneración da vida, maxia deste tempo de conexión da morte coa vida”, pois é a semente da árbore que sae do ourizo e posibilita a continuidade do ciclo natural.

A celebración tradicional incorporaba, ademais dos calacús, rosarios de zonchos, música de gaitas, castañadas e magostos. Nos últimos anos, algúns destes compoñentes modificáronse ou engadíronse nun proceso americanizante que Loureiro critica desde a militancia etnográfica. O “elemento distorsionador esencial son os disfraces”, que o converten nunha sorte de entroido sen precedentes na nosa tradición. “Dóeme moito esta perversión, como promotor da idea”, lamenta. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 370 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]