San Sadurniño, o concello no que as fotos falan

San Sadurniño, o concello no que as fotos falan
Costureiras de Naraío
Costureiras de Naraío  

As fotos pertencen a albumes familiares mais socialízanse a través da rede, cunha persoa protagonista que fala para explicala. As “fotos faladas” do portal creado no Concello de San Sadurniño promoven unha memoria activa e participativa a través das novas tecnoloxías. 


A foto mostra un grupo de mozas sorrintes. Son costureiras, de Naraío. A imaxe está en branco e negro. Dúas voces comentan o instante. Son Carme Meizoso e Ángela Puentes, dúas daquelas mozas costureiras polas que pasaron os anos mais lembran aquel momento como se fora agora mesmo. “Na costura cosiamos de todo o que nos deixaban. Bastillas, ojales... a xefa chamábase Margarita. Pasabámolo de marabilla. Sacamos esa foto ao lado do restaurante Carballo. Eran todas en branco e negro. Todas eramos moi guapas”, comentan entre elas nunha conversa que se superpón á imaxe no portal Fálame de San Sadurniño. 

Crear comunidade a través da web

Como a das costureiras de Naraío, máis de duascentas imaxes se recollen san na páxina falamedesansadurnino.org, unha iniciativa que está a consolidar a rede veciñal arredor da súa propia memoria. Detrás da idea de poñer a veciños e veciñas a comentar as fotos da historia do concello está Carme Suárez Nieto, axente TIC no concello e dinamizadora social a través das novas tecnoloxías. Ao seu ver, a experiencia, “permite mostrarlle á xente as posibilidades da rede; é unha ferramenta moi potente desde o punto de vista da formación. O apartado de “fotos faladas” implica moitas persoas que se animan a participar, e ofrece unha mestura de contidos, do pasado ao presente de San Sadurniño”. 

Coas fotos faladas, Carme Suárez gábase de “crear comunidade a través da web” coa transmisión da identidade e a fala. “Participan desde cativos a persoas maiores, que achegan unha foto e comentan arredor dela. Comezamos o 17 de maio -día da Internet e as Letras- para mesturar a fala e as Tics, cun primeiro obradoiro, con once persoas, e o resultado foi abraiante”, explica, do proceso que levou a que arredor da páxina cada vez se rexistre un maior interese entre a veciñanza, que buscan cada nova foto co comentario de quen está retratado ou quen coñece o momento recollido na imaxe. 

Unha canción, memoria da infancia, as festas...

Aquel inicial obradoiro no que cada persoa traía fotos que se escaneaban, localizábase o lugar onde se realizaran para logo gravar un audio coa explicación deu nun portal que está a ser o maior centro de documentación da historia social de San Sadurniño alén dun punto de referencia para se atopar coa historia máis próxima. “O obxectivo é tamén promocionar o concello, e iso anima a veciñanza. Nos primeiros tres meses xa tiñan colaboraron arredor de 50 persoas nas fotos faladas, que achegaron documentos, grupos de música que ceden temas para a páxina, empresas... Estase establecendo unha rede de colaboración arredor do propio concello. As Tics son necesarias no proceso de dinamización do rural”, defende Carme Suárez á que non lle custa recoñecer o entusiasmo que ten polo proxecto. 

“Falan de San Sadurniño cunha canción, contando da escola da infancia, falando das festas... e mesmo persoas que están fóra. Á xente gústalle e séntese orgullosa de mostrar o seu. As “fotos faladas” crean comunidade e transmiten identidade local; son unha radiografía do concello”, destaca  Carme Suárez Nieto, promotora do portal. 

 
 


x