Sánchez Aríns indaga na domesticidade subalterna nos seus novos poemas

Sánchez Aríns indaga na domesticidade subalterna nos seus novos poemas
A escritora Susana Sánchez Aríns. Foto: cedida.
A escritora Susana Sánchez Aríns. Foto: cedida.  

Son 11 poemas de fasquía breve pero ecos amplos, extensos. Investigan no cotián, pero nun cotián concreto e determinado. Carne da minha carne é a nova obra de Susana Sánchez Aríns, poemas do pan e da cociña da aldea. “pousar o pano branco / e deixar levedar // o milagre da massa multiplicada”, escribe no poema, como un haiku, fermento.
 


A editorial Apiario publica Carne da minha carne dentro da súa colección de plaquettes Pan de Abella, con deseño gráfico de Noa González Caamaño. “Sánchez Arins (Vilagarcía de Arousa) calcula a 'aritmética do grão' e os brazos que sosteñen o mundo”, afirman desde editora, “o doméstico amósase como símbolo que ha de marcar o eu poético”.

Esta “caligrafia milha”, como indica a editora, asenta na elaboración do pan, columna vertebral da obra. E no traballo das mulleres. “certificar o prodígio / de manter a camada / um outro dia”, remata o pão e os peixes. “Nestas páxinas trázase o camiño que vai do íntimo ao comunal”, engaden en Apiario.

carne-da-minha-carne

Este mesmo ano, Sánchez Aríns tamén deu ao prelo Tu contas e eu conto (Através, 2018), un volume mixto de narracións e poemas. Antes, na mesma casa, apareceran Seique (2015) -unha indagación a tumba aberta na memoria da represión- e os poemas de A noiva e o navio (2012). [de]construçom (Espiral Maior, 2009) e Aquiltadas (Estaleiro, 2012) completan a súa obra.



x