Santiago Auserón, artista convidado de Cantos na Maré

Santiago Auserón, artista convidado de Cantos na Maré
Santiago Auserón. Ou Juan Perro.
Santiago Auserón. Ou Juan Perro.  


As súas conexións cos sons africanos e coa música galega a través de Narf e Uxía lévano a pechar o cartel do Festival Internacional da Lusofonía que terá lugar en Pontevedra o 14 de xaneiro. 


Santiago Auserón é o último artista en incorporarse á nómina de músicos de Cantos na Maré o Festiva Internacional da Lusofonía que terá lugar o 14 de xaneiro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Tamén coñecido como Juan Perro, as súas músicas -sobre todo nos últimos anos- tecen moitas conexións coa música africana e lusófona. En palabras de Uxía, Auserón "virá mostrar a súa complicidade e a súa querencia pola lusofonía, a música africana, por Narf, o festival 'Cantos na Maré' e a súa filosofía". 

Santiago Auserón está a presentar o seu último disco, 'El viaje', o seu sétimo álbum como Juan Perro

Agora mesmo Santiago Auserón encóntrase no medio da promoción do seu último disco, ‘El viaje’, o seu sétimo álbum como Juan Perro, gravado co único acompañamento da súa guitarra acústica. No novo repertorio de Juan Perro, a herdanza afro-norteamericana (o blues, o R&B, oo rock, o soul, os estándares jazzísticos) intégrase de manera cada vez máis natural coa tradición afrolatina –principalmente cubana– e coas músicas da Península.

Nunha entrevista na Voz de Galicia hai pouco o zaragozano recoñecía que botaba de menos "ao meu grande amigo e grandísimo artista Narf, do cal moitos estabamos pendentes porque estaba a abrir un camiño alucinante, un rastro de beleza nese punto no que a música galega lidnaba con África. A súa morte foi un pao que aínda non puiden asimilar". 
Precisamente este Cantos na Maré terá un recordo especial para o músico recentemente falecido. Outra das estrelas do festival será o guineano Manecas Costa, que gravara canda Narf o disco ‘Aló Irmão’ en 2009. Os outros protagonistas da cita serán o angolano Paulo Flores, a brasileira Kátya Teixeira, a portuguesa Celina da Piedade e Guadi Galego.