Santiago Lamas e Alfonso Mato gañan o Ramón Piñeiro de ensaio

Santiago Lamas e Alfonso Mato gañan o Ramón Piñeiro de ensaio
Xurado dos Premios Ramón Piñeiro
Xurado dos Premios Ramón Piñeiro  

Fixérono coa obra De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de NÓS ao cabo do mundo, que trata o tema da viaxe que en 1927 fixeron a Santo André de Teixido Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey.


A obra De camiños, viaxeiros e caminantes. Peregrinos de NÓS ao cabo do mundo, da que son autores Alfonso Mato e Santiago Lamas, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2015, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa. A xuntanza do xurado realizouse hoxe, 21 de decembro, no Centro Ramón Piñeiro, en Santiago de Compostela.

O ensaio premiado nesta décimoquinta edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante o ano próximo, trata o tema da viaxe que en 1927 fixeron a Santo André de Teixido Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben-Cho-Shey. Na obra os autores desenvolven unha reflexión profunda e suxerente sobre a relación entre camiño e literatura, movemento e lectura. O texto dialoga desde a actualidade cunha Galiza europea de inicios do século XX, mediante un estilo aberto e rico que, de xeito ameno, nos interroga sobre os grandes desafíos da Galicia de hoxe. 

Santiago Lamas (Pontevedra, 1944), psiquiatra, é autor, entre outros títulos, dos ensaios Notas para una teoría de la realidad (1988), Imarginaciones (1988), Sobre el yo y otros objetos no identificados (1994), Galicia borrosa (2004), Ferrín e outras historias (2007) e Fíos e lecturas (2011) e Fisterras Atlánticas (2012). Foi Premio Fernández del Riego de xornalismo en 2008.

Alfonso Mato é historiador e documentalista. Traballou na Gran Enciclopedia Gallega e no Instituto Galego de Información que dirixiu en Santiago de Compostela Isaac Díaz Pardo. É autor de diversos traballos sobre a historia e a cultura da Galiza contemporánea, como o que lle adicou ao Seminario de Estudos Galegos. Ademáis, ten colaborado en obras colectivas, como a edición crítica do Sempre en Galiza de Castelao ou Ánxel Casal, un editor para un país. Catálogos de Lar e Nós.

O xurado, que concedeu o premio por unanimidade, estivo formado por Luís Alonso Girgado, Lourenzo Fernández Prieto, María López Sández, Dolores Vilavedra e Carlos Lema, como secretario con voz e voto, e salientou a calidade dos catro orixinais presentados, así como a variedade de temas tratados neles.