PRESENTA O SEU PRIMEIRO LIBRO EN GALEGO

'Sardiña': a poeta Miriam Reyes pensa a lingua

'Sardiña': a poeta Miriam Reyes pensa a lingua
A poeta ourensá Miriam Reyes. Foto: Chan da Pólvora.
A poeta ourensá Miriam Reyes. Foto: Chan da Pólvora.  

"Sardiña reflexiona sobre unha lingua que non é súa e, ao tempo, perténcelle”. Así resume a editorial Chan da Pólvora o novo libro de Miriam Reyes (Ourense, 1974), unha das poetas ibéricas de maior relevo e que agora se estrea en galego. Esta quinta feira en Compostela e a sexta en Vigo presenta a obra.
 


Reyes emigrou a Caracas canda a súa familia e con apenas oito anos. Regresou avanzada a década dos 90. “A viaxe rompe a conexión das súas raíces e a envolvencia do idioma en que se criara”, sinala a editorial nunha nota, “dende entón, intentou escribir en galego para se referir á experiencia da emigración sen que ningún proxecto callara”. Até Sardiña.

sardiña miriam reyes

Neste traballo, o seu quinto individual, explora esa condición equívoca, tatexa. Poemas que se corrixen a si mesmos, inseguridades que afirman certezas, unha indagación sobre a fraxilidade das identidades. O tránsito como único lugar ao que adherir, ao cabo. “Hai unha gran forza literaria en Sardiña”, engade Chan da Pólvora, “que documenta o seu achegamento á escrita en galego, ás súas limitacións e as frustracións dese proceso”.

Miriam Reyes xa se enfrontara á súa lingua familiar como tradutora. Encargouse, entre outros proxectos, da edición e a versión en castelán dos textos de de Punto de ebullición (FCE, 2015), unha antoloxía de poetas galegas.

Este 7 de febreiro, na libraría Chan da Pólvora de Compostela ás 20.30 horas, e o 8 na libraría Andel de Vigo, ás 20.00 horas, decorrerán as estreas galegas do libro.