RECOLLERAO NA GALA DOS PREMIOS MARTÍN CÓDAX

O saxofonista Carlos Barruso, premio honorífico Músicas ao Vivo

O saxofonista Carlos Barruso, premio honorífico Músicas ao Vivo
Carlos Barruso, de pé, no concerto 'Fin de Vida' na Estrada. Foto: Premios Martín Códax.
Carlos Barruso, de pé, no concerto 'Fin de Vida' na Estrada. Foto: Premios Martín Códax.  

O seu mundo é esa música afroamericana que marcou o século XX e espallouse por todo o planeta, o jazz. Instrumentista destacado, arranxista, compositor e docente, Carlos Barruso (1961) é o “indiscutíbel merecedor” do Premio Honorífico 2019 outorgado pola Asociación Músicas ao Vivo.
 


Barruso recollerá o galardón na gala da sexta edición dos premios Martín Códax da Música o vindeiro 8 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra. Será a ocasión de que o gremio lle agradeza “o seu exemplo vital e profesional”. A directiva de Músicas ao Vivo descríbeo na laudatio como “incuestionabelmente un Músico con maiúscula, apaixonado e dedicado en corpo e alma”.

A infinidade de proxectos dos que fixo parte, foi se cadra o Carlos Barruso Cuarteto o máis persoal. Pero tamén achegou saber e habelencia á S. E. M. Big Band de Compostela, ao grupo Canajazz, con sede na Estrada ou ao octeto Baio Ensemble. Profesor na escola de música Estudio de Compostela, e antes na Baio de Vigo, Barruso “é unha personalidade clave para entender a evolución da música moderna en Galiza, un profesional impecábel cun talento colosal que influenciou e segue a influenciar a moitas xeracións”.

Segundo Músicos ao Vivo, Barruso foi “un traballador en silencio, humilde e discreto” que, ademais, “fixo un inmenso labor pedagóxico”. “Xeneroso e aberto, é un dos motores esenciais da nosa banda sonora”, conclúe o texto que argumenta o premio honorífico.

Barruso aprendeu a querenza pola música do seu pai, director da Banda de Música de Peñafiel (Valladolid, Estado español). Axiña adquiriu o posto de clarinetista principal e comezou a gañar a vida coa música. A Galiza chegou por traballo, como arranxista para orquestras en pleno boom do xénero. De aí pasou á docencia, que xa non abandonaría.



x