O sector editorial galego segue a minguar

O sector editorial galego segue a minguar
Stand galego na Feira do Libro de Bos Aires  [Foto: Xunta de Galicia]
Stand galego na Feira do Libro de Bos Aires [Foto: Xunta de Galicia]  

O Ministerio de Educación e Cultura vén de publicar o seu informe anual "El sector del libro en España" que novamente vén de poñer en manifesto a falta de gromos verdes neste eido en Galiza, rexistrando un descenso do 3,1% en 2015 con respecto ao ano anterior. Pola contra, catalán e vasco amosan relevantes incrementos. 


Este novo informe amosa outravolta datos que non convidan ao optimismo. Os títulos e as tiraxes en galego diminúen, mentres aumentan noutras comunidades con lingua propia. Así, os libros en galego diminuíron un 3,1% en 2015, mentres aumentaron un 13,3% en catalán, un 8,5% en euskera e un 22,2% en valenciano. Ademais, a tiraxe media dos libros en Galiza baixou en 278 exemplares, aínda que a baixada é xeralizada en todo o Estado. 

Mentres os datos xerais en España amosan unha tímida recuperación, con 79.397 títulos publicados en 2015, o que supón un 0,2% máis que o ano anterior. É o segundo ano consecutivo de crecemento da produción editorial española logo de varios anos de descenso continuado. Sen embargo, a tiraxe media segue descendendo até os 2.810 exemplares por título, 76 exemplares menos que no ano anterior, o que supón o peor dato dos últimos 18 anos. 

Os títulos e as tiraxes en galego diminúen, mentres aumentan noutras comunidades con lingua propia

A edición non só descende en Galiza, tamén en Asturias, Baleares, Canarias, Castela e León, Cataluña, Madrid, País Vasco e Melilla (independentemente da lingua de edición). En Galiza a caída foi dun 13%, coa publicación de 2.266 libros, o que supón case a metade dos que se publicaron en 2010 (4.552). O 78,7% dos libros publicados en España fixérono en español.

As traducións a outras linguas tamén descenderon na maioría das linguas do Estado, agás en catalán, onde medraron un 2,2%. Tamén baixaron en español (-28,8%), en euskara (-30,8%) e tamén en galego, aínda que moderadamente, cun 4,5% de caída. 

Barcelona e Madrid, capitais da edición

A facturación medrou timidamente en case todas as comunidades, agás en Andalucía, Valencia e Castela e León. O groso dos ingresos das empresas concéntrase nos gremios de Cataluña e Madrid, que levan o 92,9% do negocio (49,5% e 43,4% respectivamente), mentres a cota de facturación galega fica no 1,2%.  

A crise en Galiza petou forte. A caída das vendas e do investimento público (a compra de bibliotecas baixou un 80%) fixo mella tanto nas editoriais que máis dependen do mercado interno (a gran maioría, coa excepción de Kalandraka, Oqo e Nova Galicia), con diminución de títulos, de tiraxes e tamén de empregos. Polo momento, só houbo unha vítima, Edicións A Nosa Terra, que pechou en 2011, aínda que dúas editoriais de longa traxectoria como Edicións do Cumio e Sotelo Blanco levan meses sen publicar ningún título. Pola contra, tamén nos últimos anos naceron novos proxectos como Apiario ou Chan da Pólvora. 

Nunha conversa con Xosé Ballesteros, director de Kalandraka e presidente da Asociación Galega de Editoras, el atribuía a razón principal da non recuperación do sector a que o número de lectores descende "porque cada vez hai menos falantes". Logo hai outras, indicaba: "os recortes, que teñen que ver tamén coa posibilidade de adquisición de novidades polas bibliotecas, o cambio de paradigma no ensino, que segue a ser unha parte do negocio do libro en galego. Non podemos esquecer que practicamente a metade do libro que se vende en galego é libro de texto".