O CONCELLO DE REDONDELA REEDITA O FUNDAMENTAL LIBRO DE FERRÍN

A segunda vida de 'Estirpe'

A segunda vida de 'Estirpe'
O escritor Xosé Luís Méndez Ferrín. Foto: AELG.
O escritor Xosé Luís Méndez Ferrín. Foto: AELG.  

Era 1994 e Europa entraba en fase histórica descoñecida. O esboroamento do bloque do leste modificábao todo. O poeta, en todo caso, decide contradicir o curso dos acontecementos e homenaxea Fidel Castro. Escribe unha pregaria polos labregos desposuídos de terra e casa -si, en 1994-. Lembra mods e rockers na súa mocidade. O poeta chámase Xosé Luís Méndez Ferrín e o libro, Estirpe. O Concello de Redondela reedítao 25 anos despois.


A iniciativa partiu do Servizo de Normalización Lingüística do consistorio. “Queriamos homenaxear unha das obras máis importantes da literatura galega e, á vez, o autor”, explica o seu técnico, Xurxo Martínez, “porque entendemos que a administración pública municipal ten un deber coa cultura local pero tamén coa nacional”. A obra repartirase de balde.

Os poemas de Estirpe, cuxa edición primeira correu a cargo de Xerais e incluía debuxos de Gonzalo Araúxo, son un salto cara ao pasado nun tempo gonzo. O sólido parecía esvaecerse no ar e Ferrín (Ourense, 1938) regresa a Vilanova dos Infantes, a Ourense. Rexistra a memoria dos asasinados -“Zbarsky, Adrio, Bóveda, fouces, martelos, patria. / Xullo do trinta e seis, cando a vergoña abafa”. E imaxina. Porque a imaxinación desbordada, incontíbel, é o motor central da literatura do autor.

“Revisei o libro para esta edición e estou contento con el”, explica o poeta a Sermos Galiza, “non lle quitaría unha coma. Vaia, algunha si. Hai algunhas pequenas correccións. Pero lévome ben con Estirpe”. No cuarto de século que transcorreu desde a súa publicación non resulta difícil percibir que outras escritoras e escritores tamén se levaron ben con el. Compárteo o propio Ferrín: “Atopei bos poetas e boas poetas con bos versos que presumían de ter lido algún aspecto de Estirpe. E como para min a literatura é unha cadea de elos e citas infinitas, considero que si foi lido por outros poetas”.

Non ve tanto o eco “anónimo”, afirma divertido, “así o indican as liquidacións de dereitos de autor. Pero estou afeito a que isto ocorra”. A reedición, ou segunda edición, do Concello de Redondela contribuirá a corrixilo. Amais de se entregar de balde á veciñanza, o 13 de xuño haberá unha presentación no auditorio da vila, ás sete e media da tarde. Asistirá o autor, leranse poemas e cantará María do Ceo.

“É unha homenaxe a un libro, tanxíbel e lexíbel”, sinala o técnico Xurxo Martínez, máis alá doutros “recoñecementos e premios á traxectoria recibidos por Ferrín”. Trátase, ao cabo, de honrar poemas tan emocionantes coma o titulado En las orillas del Sar: “Foron / morrendo os soños, as cocañas, as espermas e o arroz con leite, / as estreladas noites de horror e de presaxio, o lume xeado, / Derry republicano e os canóns do Sil, xogo / de chave en Teis e na Rabaza”.