O segundo regreso de Castelao

O segundo regreso de Castelao
[Imaxe: Xunta]
[Imaxe: Xunta]  

A derradeira leición do mestre leva tres meses exposto na Cidade da Cultura. É a primeira vez que o cadro, pintado no exilio bonaerense, pode verse na Galiza natal de Castelao. En marzo, a emblemática obra antifascista regresará á Arxentina. Pero hai voces que esixen o seu depósito permanente no país por se tratar dun “símbolo” nacional. Eis un extracto da reportaxe, publicada no número 328 de Sermos Galiza.


En 1984, o Goberno de Xerardo Fernández Albor (Alianza Popular) repatriou os restos de Castelao. Trinta e catro anos despois do seu enterro na Chacarita de Bos Aires, a dereita adoptaba unilateralmente a decisión. A esquerda e a maioría do nacionalismo, de acordo coa interpretación das últimas vontades do rianxeiro, opúxose ao que entendía era deixar Castelao en mans dos herdeiros de quen o expulsara. A este episodio histórico remite a profesora da UDC e ex deputada do BNG María Pilar García Negro para argumentar a súa esixencia de que A derradeira leición do mestre fique na Galiza.

“En que cabeza cabe que os que trouxeron Castelao en 1984 dun xeito indigno e vergoñento digan agora que non se pode traer a súa obra?”, pregúntase García Negro. Para ela non hai dúbida: o impoñente óleo pintado no exilio en 1945 e que agora expón a Cidade da Cultura na mostra Castelao Maxistral non debe regresar á Arxentina. “Hai outra razón fundamental. En Bos Aires o cadro nin estivo nin está musealizado, non é coñecido pola colectividade galega nin é obxecto de veneración patriótica”, engade a presidenta da federación Galiza Cultura. A obra pertence ao Centro Galicia, a quen llo agasallou Castelao como homenaxe a Alexandre Bóveda.

3Concorda coa súa postura o presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella, quen enmarca a situación de A derradeira leición nun contexto máis amplo, o da simboloxía nacional. “Coidamos moi pouco os nosos símbolos”, di, “e o cadro é un símbolo de Galiza e debe quedar aquí. Se non o consegues, como país vas mal”. Non obstante, amosa certa prudencia ao respecto, xa que o ve complicado: “Non é a nosa propiedade”. 
A estas dificultades tamén se refire Miguel Anxo Seixas, comisario de Castelao Maxistral e biógrafo do artista. “Existe un problema legal co Goberno arxentino”, indica. Mais, segundo a súa opinión, a cuestión principal é outra. “O óleo foi creado na Galiza transatlántica”, explica, “que tamén ten os seus logros. Alí hai unha comunidade galega e a ela pertence”. A piques de publicar o primeiro tomo do seu reconto da vida e obra de Castelao -adaptado da súa tese de doutoramento de 2.000 páxinas-, recorda ademais a historia do cadro: “Pintouno xa case cego, seguramente con axuda doutras mans. Mais nós temos a sorte de que a lámina de Galicia Mártir en que se baseou, cando aínda tiña boa visión, a máis valiosa, está no Museo de Pontevedra”.

Como no Museo de Pontevedra, dependente da Deputación, están todos os debuxos dos albums de guerra: Galicia Mártir (1937), Atila en Galicia (1938) e Milicianos (1938). De feito, o seu histórico director, Carlos Valle, acabado de xubilar, coincide con Seixas sobre o destino de A derradeira leición do mestre. “Debe retornar á Arxentina, porque o cadro foi producido nun determinado contexto e nunhas circunstancias determinadas”, afirma, “na outra Galiza. Foi nunha situación moi precisa e para agradecer algo concreto”. A inauguración dun busto de Alexandre Bóveda no daquela Centro Ourensán de Bos Aires. Era 17 de agosto de 1945, primeiro Día da Galiza Mártir.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 328 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]