DO 22 AO 26 DE ABRIL EN PONTEVEDRA

A Semana Galega de Filosofía pensa as fronteiras

A Semana Galega de Filosofía pensa as fronteiras
Imaxe da fronteira entre Siria e Turquía. Foto: cedida.
Imaxe da fronteira entre Siria e Turquía. Foto: cedida.  

A arbitrariedade dos mapas, a xeopolítica das migracións, o territorio desde as marxes, a nova división internacional do traballo. Sobre estes e outros asuntos fundamentais para comprender o mundo contemporáneo tratarán 15 expertas e expertos na 36ª edición da Semana Galega de Filosofía de Pontevedra, que comeza este 22 de abril.
 


Organizada en sesións diarias de mañá, tarde e noite, polo Teatro Principal de Pontevedra pasarán algúns dos máis reputados estudosos e estudosas internacionais do fenómeno, ao tempo que cinco investigadores galegos pensarán “a fronteira na Galiza”. Será nas sesións de tarde, entre as cinco e as nove.

Francisco Rodríguez falará sobre “a fronteira ausente” no mundo galego portugués medieval (22 de abril); Cheikh Faye sobre migración e integración en Galiza (23 de abril); Xosé Manoel Núñez Seixas sobre Galiza como pobo migrante (24 de abril); Xosé Luís Barreiro Barreiro sobre “filosofía, identidades, fronteiras” (25 de abril); e Paula Godinho sobre a raia galego portuguesa (26 de abril).

Mais antes, a socióloga Saskia Sassen, unha das principais teóricas críticas do mundo a respecto da fronteira e as migracións, ofrecerá a conferencia inaugural, esta segunda feira ás dez e media da mañá: Formacións depredadoras vestidas con traxes de Wall Street e matemática algorítmimca. A italiana Emanuela Fornari disertará sobre “fronteiras epistémicas e revolución espacial” (tamén ás dez e media, 23 de abril), o portugués Boaventura de Sousa titula a súa intervención Aprendizaxes globais (dez e media, 24 de abril), o catalán Joan Nogué tratará de “límites e fronteiras” (25 de abril, ás dez e media) e o español José Solana, dos Sofistas: demolendo fronteiras.

As sesión de noite, a partir das oito do serán, responden ao epígrafe xeral Retos e trampas da fronteira. Comezará Ángeles Díez, socióloga, con Emigrantes refuxiados e terroristas, tres consignas da propaganda de guerra (22 de abril); o filósofo John Holloway, de procedencia anarquista, dirá Rompamos todas as fronteiras! (23 de abril); o psiquiatra Joseba Achotegui pronunciará Emigrar en situación extrema (24 de abril); a antropóloga Ángeles Ramírez, Mulleres sen fronteiras (25 de abril). A conferencia de clausura correrá a cargo de Buchraya Hamudi Bayun, ex primeiro ministro da República Árabe Saharauí Democrática.

A Semana Galega de Filosofía é unha iniciativa da Aula Castelao de Filosofía, conta co patrocinio do Concello de Pontevedra e mais da Universidade de Vigo e coa colaboración da Xunta, a Deputación, Paradores e o Colexio Provincial de Avogados.