O semanario Sermos Galiza publica dous poemas e un debuxo inéditos de Cunqueiro

O semanario Sermos Galiza publica dous poemas e un debuxo inéditos de Cunqueiro
Álvaro Cunqueiro
Álvaro Cunqueiro  

Dous poemas en galego e un debuxo a cores con elementos de grande significado na súa obra como o arco da vella ou a mazá son parte do acervo que Álvaro Cunqueiro agochou nunha trabe da casa na que viviu en Mondoñedo que Sermos Galiza publica no seu número 102. O especialista César Morán valora o alcance do achado. 


Canda estes papeis con escritos poéticos, lastimados polo paso do tempo, atópanse outros textos literarios, cartas, borradores de conferencias e escritos doutrinais e documentos orgánicos do Partido Galeguista. Sermos Galiza desempoeira agora eses poemas inéditos manuscritos que comparten estética coa súa obra creativa dos anos trinta, dun Cunqueiro aínda mozo, “arredista” e comprometido co país, do que dan conta os outros papeis que poden ser chave para explicar as razóns de que a carpeta estivera até agora agochada.

César Morán, experto na obra de Cunqueiro, confirma a autoría e o carácter inédito dos poemas e valora como "espléndidos" algúns dos versos agora descubertos. 

-Podemos confirmar que estes documentos de Cunqueiro son inéditos?

Para min son e confirmeino tamén con outros amigos cunqueiriáns. O autor ten cantidade de artigos, algúns aínda non recolectados e, de repente, incrustaba un poema nun deles. Admito que, en último caso, puidera existir esa posibilidade mais, tampouco están na revista Galiza que el dirixiu nos anos trinta. 

-Que elementos identifican a súa autoría?

Teñen a mesma estética que os poemas de Mar ao Norde do 32 e Poemas do si e non do 33. A propia letra é a del. Apréciase a presenza de Manuel Antonio mesmo no emprego de certas palabras. Ao meu ver, o poema que comeza “Cada día chegamos máis lonxe” é de grande intensidade. Hai palabras,  a presenza reiterativa de “ela” como suxeito ou a técnica de versos longos, cortados por outros máis breves que están en Poemas do si e non. Fálase de influencia de Lorca, mais aquí está tamén Alberti, para el o gran poeta surrealista. Nótase tamén un pesimismo intenso que emana da melancolía e da saudade dun tempo ido, xa presente nos poemas de preguerra aínda que se manifeste máis en libros posteriores como Dona do corpo delgado u Herba aquí e acolá. Chámanme a atención algúns versos espléndidos que amais de conectar con esa época son preludio da posterior, por exemplo, a imaxe de “comezar a morrer” ou a insistencia na palabra “pozos”. Son poemas da época paralela e Poemas do si e non, mais na liña surrealista que Mar ao Norde, aínda que todo estea escrito en moi pouco tempo. 

-Como interpreta que aparezan na trabe dunha construción anexa á casa na que viviu?

Descoñezo a razón mais pode ser que non fose polos poemas, senón pola documentación política que había na mesma carpeta, algunha do Partido Galeguista. Sendo de Cunqueiro, todo o que apareza é interesante. 

-Que significa esa documentación na traxectoria ideolóxica de Cunqueiro?

Non vin esa documentación, mais nesa época Cunqueiro era non só galeguista senón que simpatizaba cos arredistas, por si a palabra independentista é demasiado forte. Cunqueiro tivo un medo atroz cando viu que os seus amigos ou eran asasinados ou se tiñan que exiliar. Debeu agarrar pánico. Posibelmente non fose un home valente e tivo certas actuacións das que non ficou orgulloso e mesmo condicionaron certas temáticas da súa obra. A idea de dúbida, do medo ou ocultar o fardel que levas dentro están na súa escrita. Ese Cunqueiro da parte do réxime existe, mais dura poucos anos porque desde a metade dos corenta, cando ven de Madrid, chega fracasado e reclúese en Mondoñedo ao ser defenestrado polos mesmos que o uparan. A partir de aí é cando comeza a escribir o mellor da súa obra. 

-Que opinión lle merece o debuxo, con elementos moi presentes na súa obra?

Para min o máis importante de todos os elementos é o arco da vella, que forma parte do léxico que el emprega nos seus libros. O aspecto xeométrico ten a ver coa concepción cubista pola que está moi influenciado. Cunqueiro debuxaba moito, mesmo ten un autorretrato coa cabeza na man. Neste caso chámanme a atención as cores do arco da vella como elemento léxico, formaría parte do léxico vangardista do autor. En canto ás mazás, o escritor dicía que non podía escribir sen elas e tiña a casa de Vigo chea de mazás, que tiñan que ser de Mondoñedo, e laranxas, mesmo ciscadas polo chan. Entra tamén dentro da súa concepción surrealista, mestura do carácter galego e o seu propio. Non é casual que a mazá apareza no vértice dun triángulo, atravesando o arco da vella.

Toda a información sobre este achado -para alén dos proprios poemas e do debuxo inéditos- tela ao teu dispor no número 102 de Sermos Galiza, xa disponíbel nos quiosques e na nosa loxa.