ENTREVISTAMOS MARICA CAMPO

“Sempre se pon máis en dúbida o que facemos as mulleres”

“Sempre se pon máis en dúbida o que facemos as mulleres”
[Imaxe: Cedida] Marica Campo
[Imaxe: Cedida] Marica Campo  

A escrita de Marica Campo (Val do Mao, O Incio, 1948) non exclúe ningún territorio: poesía, teatro, libros para a infancia, novela, narración curta. Está a piques de publicar Unha misión para Clara, dirixido a lectoras e lectores a partir dos dez anos, “un libro moi ecoloxista”. A plataforma de crítica literaria feminista A Sega acaba de outorgarlle a distinción de Galega nas Letras que antes recibiran Dorothe Schubarth, María Vitoria Moreno, María Xosé Queizán e Patricia A. Janeiro. “Cheguei a unha idade en que os recoñecementos non me preocupan”, confesa a Sermos Galiza, “pero agradézoos, por suposto, como se agradece calquera agasallo que che fagan”. Eis un extracto da conversa publicada no número 306 de Sermos Galiza.


3É a quinta escritora, intelectual, distinguida como Galega nas Letras. É aínda preciso recoñecer o papel da muller na literatura e na cultura?

 

Non o sei. O oficio de escribir é solitario e sempre cheo de dúbidas. Que te recoñezan é positivo. Pero eu intelectual non me considero, que conste.

 

Dicía intelectual porque en 2014 a distinción levouna a musicóloga Dorothé Schubarth. Non todas foron escritoras.

 

Si, é certo. Eu agradézoo, por suposto, como se agradecen todos os recoñecementos ou calquera agasallo que che fagan. De todas as maneiras, creo que cheguei a unha idade en que non me preocupan. Danme igual.

 

Neste caso trátase dun recoñecemento con pegada feminista.

 

Si. Ademais é un premio só para mulleres. E quizais aínda é necesario. Porque miras a historia e xa sabes o que hai. No momento actual sempre se pon máis en dúbida o que facemos as mulleres. Iso segue acontecendo. Aínda que en moitos casos non é politicamente correcto dicilo, no fondo segue a existir moito machismo. Hai como unha pátina de feminismo, pero se afondas, atopas o que atopas.

 

De feito, o debate sobre o Día das Letras Galegas 2019 arredor de Carvalho Calero acabou por opacar unha reivindicación da Sega, que propuña a poeta Xela Arias. Reclamaba o recoñecemento de escritoras.

 

Xela Arias, Luísa Villalta, e outras que aínda non levan dez anos no outro lado. Pero estas, as dúas, para min teñen que ser recoñecidas.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no número 306 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x