ESPECIAL SOBRE ANTONIO FRAGUAS

Ser quen de volver camiñar

Ser quen de volver camiñar
Fraguas, Pedrayo e Mosquera en 1947 (arquivo MPG-AFF).
Fraguas, Pedrayo e Mosquera en 1947 (arquivo MPG-AFF).  

Nuns días esfarelouse todo o traballo realizado durante máis dunha década a prol da cultura propia e da súa lingua no Seminario de Estudos Galegos. Nuns días rompeuse o soño acariñado coas mans dun Estatuto de Autonomía para Galicia. Nuns días perdeu Fraguas a súa cátedra gañada con moito esforzo e converteuse nun dos exiliados en terra. Eis unha ollada ao ensino e á investigación após o golpe de Estado.


Sen títuloO golpe fascista de 1936 truncou a vida de toda a sociedade, ao tempo que esfarelou todas as institucións e os proxectos que emerxeran arredor do galeguismo. Desta maneira, aquelas persoas significadas na defensa da lingua e da cultura propias, con ideas demócratas defendidas a través dunha militancia política activa foron represaliadas. Antonio Fraguas non foi unha excepción e escapou ao monte durante uns días, ata que entendeu que a súa vida estaba salvo, pois era coñecedor do asasinato doutros compañeiros. A súa participación en política como secretario xeral do Partido Galeguista na Estrada, onde era profesor, sinalábao, así como ser o director do periódico bimensual La Voz de Cotobad, do que só se publicou o primeiro número uns días antes da sublevación fascista baixo o subtítulo: “Órgano defensor de los intereses del municipio, su comarca y limítrofes”.

En tan só uns días implantárase o terror e o horror dunha represión sen precedentes. Fraguas incorporouse en setembro ao seu posto de traballo na Estrada para realizar os exames de pendentes, pero no canto de examinar o alumnado foi paseado polas rúas da vila para escarnio público cantando o “Cara al sol” coa bandeira falanxista. Tamén o obrigaron a inxerir aceite de rícino e a borrar coas mans e sosa cáustica as pintadas a favor do Estatuto de Autonomía. Por se non fose suficiente, uns días despois notifícanlle a suspensión de emprego e soldo e prohíbenlle volver impartir clases.

Fraguas foi quen de volver camiñar sen apartarse da estela do galeguismo. Será en 1950, cando gaña novamente a cátedra de Xeografía e Historia

Así as cousas, escolle Compostela para asentarse e comezar de novo. Xa nada quedaba das Irmandades da Fala ou do Seminario de Estudos Galegos, institucións das que formara parte activa antes da ditadura. A isto uníase a imposibilidade de exercer a docencia de maneira regrada, que o levou, como a tantos mestres represaliados, a impartir clases privadas nunha academia, onde non cesou o acoso por parte do réxime franquista. Con todo non renunciou nunca á súa vocación docente e durante os anos corenta Antonio Fraguas presentouse en varias ocasións ás oposicións a cátedras, pero os seus antecedentes políticos –“separatista gallego de la rama católica”— impoñíanse sobre a súa valía profesional.

A investigación

A súa carreira investigadora non foi allea á ditadura e, aínda que na longa noite de pedra se refuxiou na investigación e vai dar ao prelo moitas publicacións, tivo que pagar a peaxe de abandonar o galego dos seus escritos. A Lei de Prensa de 1938 instaurara a censura previa que impedía a publicación de textos nesta lingua se contiñan temática técnico-científica e tiñan un nivel de elaboración lingüística e socio-cultural alta. Así as cousas, Antonio Fraguas viuse privado de publicar en galego os seus ensaios e os seus traballos de divulgación, a non ser aqueles que vían a luz fóra, como un artigo na Revista de Guimarães (1946), e outro no libro homenaxe a Otero Pedrayo publicado en Caracas (1958).

Os intentos de recuperar proxectos como o do Seminario de Estudos Galegos (SEG), que marcara un fito histórico en Galicia como centro de estudos interdisciplinario, foron moitos, pero dotar o país de investigación era perigoso para o réxime se non estaba controlado. Deste xeito, 14 de febreiro de 1944 inaugurábase o Instituto Padre Sarmiento, que dependía do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), e que se presentaba como continuador daquela institución. O seu director era Francisco Javier Sánchez Cantón, persoa vista con bos ollos polo réxime, pero o certo é que pouco tiña que ver co SEG, pois o Instituto Padre Sarmiento era unha entidade que dependía do Estado opresor e ditatorial e, en segundo termo, porque apartaba a lingua galega de toda a actividade cultural levada a cabo pola institución, algo que só comezou a mudar de maneira moi tímida na década dos sesenta. O certo é que boa parte do galeguismo viu nesta reconversión unha manobra do réxime para edulcorar a situación e contentar en parte a un sector da intelectualidade galega.

Como ben deixou escrito, Fraguas sempre traballou por e para Galicia

A biblioteca do SEG fora requisada e depositada na Universidade e, como primeiro xesto, devolven parte dese fondo á nova institución para marcar esa continuidade. A Fraguas, que fora bibliotecario do Seminario de Estudos Galegos, pedíuselle que catalogase o fondo e aceptou a encarga, polo que durante moitas noites fixo ese traballo calado, sabedor de que estaba incompleta, pero tamén de que era un primeiro paso para comezar. O certo é que se sumaron ao Instituto Padre Sarmiento algúns integrantes do Seminario de Estudos Galegos, entre eles Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Florentino LópezCuevillas. Tamén entrou Fraguas en 1946 e ocupou o cargo de bibliotecario, para despois asumir a secretaría e a dirección da sección de Etnografía e Folclore na que tamén estaba o seu amigo Xaquín Lorenzo.

Na biblioteca

Sen dúbida, Antonio Fraguas formou parte da nova institución para traballar, para seguir realizando catalogacións de castros ou estudos etnográficos. Por iso son habituais estudos seus nas publicacións do Instituto, a primeira “Una página de la vida académica del Doctor Fontán” (1946), no Anejo dos Cuadernos de Estudios Gallegos. Tamén como bibliotecario se preocupou de formar unha biblioteca de interese, coas dificultades que tiña ao non dispoñer de moitos recursos. Así, nos anos corenta deixou de escribir en galego, pero non de investigar sobre a cultura de noso, como tampouco se apartou da causa galeguista, como demostra a súa participación no primeiro Padroado Rosalía de Castro. Neste caso, a finalidade principal era arranxar a Casa da Matanza, onde Rosalía pasara os últimos anos da súa vida e que quedara baleira despois da súa morte. Tras moitos intentos de adquisición, finalmente conseguen facerse con ela e proxectar as obras de restauración, que seguirán os planos de Gómez Román, arquitecto e secretario xeral do Partido Galeguista cando se produce a sublevación fascista. As obras comezaron en 1951, pero ata vinte anos despois non se puido inaugurar.

Antonio Fraguas foi quen de volver camiñar sen apartarse da estela do galeguismo. Será en 1950,cando gañanovamente a cátedra de Xeografía e Historia e se incorpora á docencia regrada no Instituto Masculino de Lugo, o actual Lucus Augusti, que sinta conforto, non en van confesa que foi un dos días máis felices da súa vida. En Lugo recuperou parte do perdido e iso deulle azos para seguir afrontando o camiño con rectitude, con compromiso e con entrega, pois como ben deixou escrito sempre traballou por e para Galicia.

[Este artigo forma parte do A FONDO especial sobre Antonio Fraguas que vai ser entregado co semanario en papel Sermos Galiza número 346 e que estará á venda a partir da quinta feira]