Ses, Guadi Galego e Mercedes Peón publican novo disco a finais de ano

Ses, Guadi Galego e Mercedes Peón publican novo disco a finais de ano
Guadi Galego no proceso de gravación [Fonte: Facebook]
Guadi Galego no proceso de gravación [Fonte: Facebook]  

Este ano 2016 rematará amosando o poderío feminino na música galega: Mercedes Peón, Guadi Galego e Ses publicarán os seus novos traballos.


A colleita musical deste ano xa nos trouxo o primeiro disco de Sonia Lebedynski (‘Deserto de centos’), que estreaba o seu primeiro traballo en solitario, e o novo traballo de Mónica de Nut (‘Raíces aéreas’), que acaba de saír ao mercado este agosto. E o 2016 rematará aínda máis femininamente, con novos traballos de Guadi Galego, Ses e Mercedes Peón, ademais das pandereteiras bruxelenses Ialma. 

A primeira que ten previsto publicar a súa nova proposta discográfica é Guadi Galego, que neste novembro publicará o seu cuarto disco en solitario, despois de ‘Luas de outubro e agosto’, que obtivo unha magnífica resposta do público na súa definitiva incursión no pop. Agora mesmo está pechando xira (último concerto o 7 de setembro nas festas da Guadalupe en Rianxo), para abrir unha nova xeira de presentacións a partir de novembro. 

O novo disco será máis arriscado e aínda máis pop, segundo as súas propias palabras, e contará con algunhas colaboracións sonadas, como o pianista Abe Rábade ou o músico e compositor Pachi García, entre outros. Como produto, o seu novo traballo virá en forma de CD e vinilo nun só pack, cunha tiraxe única de 1.000 unidades. 

Ses: novo disco e regravación

Ses traeranos a finais de ano ración dobre de música ‘rabuda’. Haberá novo disco e, sorpresa, tamén unha regravación do seu primeiro LP, ‘Admirando a condición’. A cantora coruñesa sempre manifestou o seu descontento con esta gravación e agora, diante da continua demanda do seu público por reeditar ese traballo, xa anunciou que o gravará de novo e o editará. Para ledicia da súa lexión de fans. 

O novo traballo afonda na fórmula máxica que tan bos resultados lle ten reportado até o momento: rock’n’roll, tradición oral galega e ecos da canción latinoamericana. Nos concertos xa foi testeando algúns temas do vindeiro disco, como este ‘Romance da bela rosa’ que podemos escoitar e ver no seu Facebook, ‘Sodomita’ ou ‘Canción a Sara’, dedicada a unha filla dunha das súas coristas. 

Regresa Mercedes Peón

E unha das voltas máis agardadas é a de Mercedes Peón, a máis internacional das nosas artistas, que leva desde o 2010 sen publicar novo disco logo daquel ‘SOS’, pero percorrendo o mundo cos seus sons en solitario. Nos últimos meses puidemos vela en diferentes concertos polo país, pero tamén foi artista convidada en WOMAD -o maior festival de ‘world music’ do mundo- nas súas edicións de Chile, Cáceres e Inglaterra. 

Tanto tempo fai agardar importantes sorpresas dunha cantora e compositora que nunca deixa indiferente. O seu quinto traballo chegará a finais de ano, ou a comezos de 2017, e será un disco impregnado pola electrónica e polos sons recollidos en diferentes ambientes e lugares de Galiza, como un portaavións en construción nos asteleiros de Navantia. Será un traballo no que amosa de novo o seu compromiso coas causas que leva defendendo desde a orixe: o empoderamento da muller, a lingua ou a diversidade cultural. 

Ialma en Galiza

As galego-belgas tamén están a preparar o lanzamento de ‘Camiño de Bruxelas a Santiago’, o seu quinto e novo disco logo dun parón de cinco anos. “É a historia da nosa emigración e dos nosos pais”, cóntanos Marisol Palomo, unha das catro pandereteiras. Será despois do verán, cando iniciarán unha xira que as levará por varios países. Desta volta, a diferencia do disco anterior (‘Simbiose’, 2011), farán presentación e concertos en Galiza.



x