CLIPS EN ACÚSTICO DE CONSAGRADOS E EMERXENTES

As Sesións Destelo visibilizan na Rede a música en galego

As Sesións Destelo visibilizan na Rede a música en galego
Fotograma do vídeo de Vudú para Sesións Destelo. Imaxe: Sesións Destelo.
Fotograma do vídeo de Vudú para Sesións Destelo. Imaxe: Sesións Destelo.  

No salvaxe océano da Rede non é doado facerse escoitar. Para ampliar as oportunidades da música en galego, o fotógrafo Miguel Grandío creou as Sesións Destelo “coa teima de portenciar o uso da lingua” no pop e, ao tempo, amosar versións acústicas de proxectos consagrados e emerxentes. O último vídeo emitido, NeoRural, da banda viguesa de graxe punk Bakarrá!
 


Sesións Destelo abriron hai dous anos. Máis de 8.000 persoas premeron desde entón nalgún dos 13 clips, de Vudú a Ruxe Ruxe, de Medomedá a Alberto Busto, pendurados na súa canle de Youtube. “Pensadas por e para millenials mais sen pechar a porta a ninguén”, explica Grandío nun comunicado de prensa, “as Sesións Destelo convertéronse nunha importante xanela para os proxectos musicais feitos no noso idioma”.

Ordenado en tempadas -duranta cada unha das que se dispoñibilizan media ducia de vídeos-, a que acaban de inaugurar Bakarrá! incorpora un mapa que “xeolocaliza as sesións gravadas”.  Nas vindeiras semanas, anuncia o promotor da iniciariva, “cinco actuacións únicas” completarán a terceira tempada de Sesións Destelo.

“A nosa idea é ofrecer unha versión diferente á que o público pode atopar nas salas de concertos ou nos festivais”, indica, “e todo iso dende a comodidade da pantalla dos seus computadores ou teléfonos intelixentes”.