TESE DE LETICIA CARRERA NA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

Silvio, poesía de amor: sobre o que ama e sobre o que odia

Silvio, poesía de amor: sobre o que ama e sobre o que odia
Silvio Rodríguez a bordo do Playa Girón. Foto: Wikipedia.
Silvio Rodríguez a bordo do Playa Girón. Foto: Wikipedia.  

A xeografía das cancións de Silvio Rodríguez é ampla. Santiago de Chile, praia Girón, Nicaragua, Camagüey, óleo dunha muller con sombreiro, aquel mar de serpes. Entre Woody Guthrie e César Vallejo, entre Leo Brouwer e Benny Moré, crónica dun século convulso e esperanzado, a súa obra encarna a arte de intervención e elevadísima esixencia formal. Leticia Carrera Pérez vén de obter sobresaliente cum laude pola tese en que estuda a súa lírica de días e flores.


Carrera Pérez (Ponteareas, 1990) coñeceu Silvio Rodríguez aos 13 anos. Un cedé do seu irmán con fotografías incluía un cartafol de título Inéditas. No seu interior, cancións do cubano. “Na secundaria, os profesores marcaban moi claramente a diferenza entre poeta e cantante, mais para min Silvio era un poeta”, explica a filóloga e doutora a Sermos Galiza. Aquela obsesión de orixe adolescente acabou convertida no seu obxecto de investigación, levouna a Cuba e mesmo a tratar persoalmente a Rodríguez (San Antonio de los Baños, 1946).

Da man do grupo Galabra da Universidade de Santiago de Compostela e baixo a orientación do profesor Elias Torres, redactou a tese de doutoramento que acaba de defender, Silvio Rodríguez: contra a cristalización do gusto e as ideas. Nela analiza as letras, ou poemas, de 245 cancións, as pertencentes aos 21 discos que o propio Rodríguez considera principais entre todos os que facturou.leticia carrera pérez

“Decidir o corpus do traballo foi complexo, porque ten máis de mil cancións, algunhas inéditas, outras só en directo, así que me cinxín aos elepés que el sinala na súa propia web, Zurrón del aprendiz”, sinala Carrera Pérez. Con ese material e os métodos informáticos empregados adoito por Galabra, propúxose estabelecer os lazos entre a escrita de Rodríguez e o seu tempo, o axitado século da revolución.

Dous bloques

O traballo divídese en dous grandes bloques. No primeiro trata o contexto social, histórico, político, económico de Cuba e como se situou Silvio Rodríguez. No segundo, as cancións en relación a el. Singulares foron os mecanismos cos que Carrera Pérez se enfrontou aos textos. Lonxe do subxectivismo habitual na análise literaria, valeuse da estatística. A denominada análise clúster foi o primeiro. Con el descubriu a frecuencia de palabras e as relacións entre elas e crearon campos semánticos e palabras chave. Engadido a un inquérito a 172 persoas da Facultade de Filoloxía de Compostela en que non se lles indicaba a autoría nin a temática, averiguou a idea que proxectaba a obra do cantautor máis aló das súas propias intencións.

De aí derivou o reparto das cancións en cinco etiquetas temáticas: amor, agonístico -loita política, maiormente-, metafunción -a reflexión sobre o papel da arte e o artista, tan característica de Silvio-, futuro e existencialismo. Entre os achados detectados por Carrera Pérez, un ben significativo: a palabra amor é a que máis se repite dentro da área amor, pero tamén dentro da área agonístico.

Silvio-Rodríguez-Días-y-flores-1975-650

“Isto é importante, porque nos explica que cando Silvio Rodríguez fala de amor, entende o amor tamén como internacionalismo, solidariedade, amizade ou compromiso”, considera a investigadora. Outra palabra que aparece con frecuencia, deus, “non está asociada ao existencialismo e faise máis abondosa coa apertura relixiosa en Cuba xa nos 90”. Sobre a cuestión do amor, coloca dous exemplos, Santiago de Chile, escrita na xornada do golpe contra Allende, e Madre, cuxo núcleo é a guerra de Vietnam. O que ama e o que odia, política e compaixón, amor e loita contra a opresión.

Pescuda pioneira

Fóra de Cuba, apenas existían estudos sobre unha obra tan decisiva, emblemática, importante, como a de Silvia Rodríguez. “Había unha tese dun profesor canario, máis centrada na harmonía musical, e outra investigación dunha estadounidense. Pouco máis. Enviei a miña proposta e, aínda que de entrada houbo algunhas reticencias, logo déronlle o Nobel [de literatura] a Dylan e iso abriu as portas”, lembra Carrera Pérez.

Distinto é Cuba, onde ela mesma pasou tres meses e onde chegou a coñecer a Silvio. “Expliqueille o meu traballo. Interesoulle moito, sobre todo que usemos programas informáticos para analizar as súas cancións”, di. Na illa si pescudan nas composicións de Silvio, hai libros ao respecto e a Nova Trova Cubana -a xeración de cantores politizados que renovou a música cubana e marcou xeracións de progresistas e revolucionarios de todo o mundo- estúdase na universidade. Mais nunca até agora con estas ferramentas estatísticas.

Nota: foto da filóloga e doutora Leticia Carrera Pérez. Embaixo, cuberta do primeiro elepé de Silvio Rodríguez, Días y flores (1975).