A DISTOPÍA CLÁSICA DE BOULLE, EN GALEGO

Os simios dominarán o mundo

Os simios dominarán o mundo
Un dos máis famosos fotogramas do filme 'O planeta dos simios', dirixido por Franklin J. Schaffner en 1968. Imaxe: cedida.
Un dos máis famosos fotogramas do filme 'O planeta dos simios', dirixido por Franklin J. Schaffner en 1968. Imaxe: cedida.  

A imaxe é icónica. Charlton Heston cae axeonllado nunha praia perante os restos da estatua da Liberdade. A civilización occidental tal e como a coñecía extinguírase baixo o dominio dos primates. O planeta dos simios, filme emblemático da ciencia ficción máis asequíbel, estreouse en 1968 e dirixiuno Franklin J. Schaffner. De fondo, a novela distópica de Pierre Boule que agora Faktoría K publica en galego.


“Jinn e Phyllis estaban pasando unhas vacacións marabillosas no espazo, o máis lonxe posible dos astros habitados”, comezan a tradución de Antía Veres Gesto, “naquel tempo, eran habituais as viaxes interplanetarias e as expedicións intersiderais non resultaban excepcionais”. A parella atopa un manuscrito que os transporta ao pasado: ano 2500 e un planeta onde “outra especie gobernaba sobre os humanos”.

o planeta dos simios (cuberta)

O planeta dos simios é, segundo explica a editorial nun comunicado, “unha fantasía distópica ou antiutópica” do xorne de clásicos como Un mundo feliz de Aldosu Huxley ou 1984, de George Orwell. Orixinal de 1963, traza “unha crítica á obsesión da especie humana por dominar o planeta e expón o problema da discriminación racial”.

Non só de viaxes espaciais e aventuras con fondo político filosófico vive a obra de Pierre Boule. A viaxe no tempo e a reflexión sobre a capacidade autodestrutiva da humanidade, o medo á catástrofe atómica, tamén conforman esta “fantasía social”, como a denominaba o autor.

Pierre Boulle (Aviñón, 1912-París, 1994) non só escribiu este célebre Planeta dos simios. Outra das súas obras coñeceu popularísima versión cinematográfica: A ponte sobre o río Kwai (1952). Axente secreto dos aliados durante a Segunda Guerra Mundial, capturado por Vichy e condenado a traballos forzados, viviu despois en París. Escribiu máis de vinte romances.