A HISTÓRICA BANDA STREET PUNK É UN DOS CABEZAS DE CARTEL DO REVENIDAS

Skacha, retorno pero sen folla de ruta

Skacha, retorno pero sen folla de ruta
Skacha nunha foto deste ano. O primeiro pola dereita é o batería, Kino. Foto: Alberto Lora.
Skacha nunha foto deste ano. O primeiro pola dereita é o batería, Kino. Foto: Alberto Lora.  
Vilaxoán xunta esta fin de semana (do 9 ao 11 de agosto) un feixe de artistas de elevada carga decibélica, paixón política e enerxía sen ataduras. É o festival Revenidas, xa clásico do verán galego e cuxa letra grande inclúe Skacha, histórica banda viguesa de street punk.

Non hai moitos meses que o grupo anunciaba por sorpresa o seu retorno aos escenarios logo de nove anos no dique seco. Os seus concertos sucédense desde maio con gran resposta de audiencia. O seu punk combativo, orgullosamente obreiro, debedor de Street Little Fingers ou da escena oi!, segue a falar ao caso. Esteban (voz), Gontxu (guitarra), Pablo (baixo), Max (guitarra) e Kino (batería) forman Skacha. Este último  explícase para Sermos Galiza e asegura que están gozando como nunca pero "sen folla de ruta".

Como van os concertos de reunión?

Estamos un pouco sorprendidos pola repercusión, a verdade. Os concertos de Compostela [18 de maio] e Vigo [4 de maio] foron espectaculares. De feito, no de Vigo as entradas estaban esgotadas dous meses antes. As sensacións no local de ensaio son tamén impresionantes, con moi bo ambiente. É incríbel ademais a enerxía que se xera.

Skacha naceu no subsolo e publicou as súas gravacións en selos independentes ou autoeditouse. Porén, sempre contou cunha fiel freguesía. A que se debe?

Pois iso mesmo preguntámonos nós! A segunda maqueta, Sempre ceibes (1995), publicárase en casete nun selo catalán. Ao ano seguinte sacáraa en CD unha discográfica alemá. Con estes non tivemos despois moita relación, pero do casete vendemos 3.500, 4.000 copias. Abriunos moitas portas e tocamos fóra. En Euskadi, Catalunya ou Madrid tocamos moitísimo. Coincidiu ademais cunha explosión no Estado de bandas street punk e oi! E iso beneficiounos. Despois, en Vigo sempre houbo moita xente que nos apoiaba. E fixemos moitos seguidores na Guarda, no Morrazo, en Carral...

"Da segunda maqueta, 'Sempre ceibes', vendemos 3.500, 4.000 casetes"

Digamos que Skacha medrou a forza de traballo en directo.

Pode ser, si. E a base de anos, a xente vai coñecéndote. Houbo épocas en que tocamos menos, pero outras en que tocamos moitísimo. Non chegamos a ser profesionais, pero si semiprofesionais. Todos os meses saiamos fóra de Galiza actuar.

Antes falaba do apoio á banda na súa cidade natal. Existe un punk especificamente vigués?

Nos 90 houbo unha explosión, si. Moitos amigos de fóra preguntaban como era posíbel  que houbese tantas bandas. A nivel redskin, por exemplo, era unha cidade referencia no Estado. E había grandes grupos como Disturbio 77, Keltoi!, Oxtiax Ke Te Pariu ou Soak, que xa levaban anos e non eran de Vigo, pero eran da ría [de Cangas do Morrazo]. Non sei por que, a verdade. Na Coruña, pola contra, a escena era máis hardcore.

E nesas propostas hai elementos comúns propiamente vigueses? Penso en certo orgullo obreiro que aparece nas letras de maneira moi singular respecto doutras escenas musicais galegas.

Si, claro, é que iso vai moi arraizado. Nós somos de Coia, un barrio onde moita xente traballa en Citroën. Despois están os estaleiros, e o traballo de cada un dos membros do grupo... Ademais, Vigo é unha cidade particular. Decátaste con só mirar como anda a xente pola rúa, é outro ritmo, e ten que ver co traballo.

[O orgullo obreiro] "vai moi arraizado en Vigo. Nós somos de Coia, un barrio onde moita xente traballa en Citroën"

Desde Catro (2010) Skacha non publica disco. Pensades en gravar novo material?

Si, Catro foi o último disco. En 2011 fixemos outra canción, a última, para unha homenaxe a Código Neurótico, unha das nosas bandas favoritas. De feito, tocou connosco no último concerto antes de separarnos. Pero non temos plan de case nada, deixámonos levar. O importante é que coincidimos os cinco, ensaiamos unha vez á semana e tomamos unhas birras. Se logo xorde algunha melodía ou unha canción, pois se cadra a tocamos ou gravámola... Pero sen plans. Sen folla de ruta.

Pero concertos programados si haberá, non?

Hai, de feito o noso plan máis afastado é o Castañazo Rock, en Chantada en novembro. Chamáronnos de fóra pero, polo momento, decidimos non saír. A partir de decembro ou xaneiro, xa veremos.

No Revenidas compartides cartaz cunha trintena de bandas, pero se tivésedes que asistir só a dous concertos, amais do voso, cales serían?

Creo que todos en Skacha estariamos de acordo en The Baboon Show, que toca o venres. Son suecos e a súa cantante, Cecilia Boström, é impresionante, de enerxía e de voz. E despois, ver Evaristo, xa sexa con Gatillazo, con La Polla ou el só nun escenario, é sempre unha lección [toca o sábado con Gatillazo].