A TESE DE BRAIS ROMERO ESTUDA O ROL DA LINGUA NO NOSO CINEMA

Só 18 por cento dos filmes son producidos en galego

Só 18 por cento dos filmes son producidos en galego
[Foto: Academia Galega do Auvdiovisual] Brais Romero
[Foto: Academia Galega do Auvdiovisual] Brais Romero  
Brais Romero, director de A cuarta parede vén de presentar a súa tese de doutoramento, que analiza o rol da lingua galega en relación a creación dunha identidade cinematográfica de noso. Algúns datos son preocupantes: só 18% dos filmes que se consideran galegos están na nosa lingua. Con todo, hai razóns para o optimismo pola boa acollida que os filmes en galego están a ter en salas nos últimos anos.

Co descubrimento do «claro dominio que hai por parte do castelán», Romero admite que «o criterio lingüístico foi gañando peso»

A definición dun filme galego é algo, cando menos, problemático. Brais Romero vén de presentar a tese O rol do galego no cinema galego de ficción: 2000-2015, na que se ocupou da filmografía que cumpría unha destas tres condicións: ter versión orixinal galega, un mínimo de 20% de participación galega ou ser beneficiarias dunha axuda autonómica ao fomento do cinema. O criterio é o resultado dun proceso de investigación, a base de recompilar textos académicos e xornalísticos e ver que se define como un filme galego. «Considerar só ás producidas en lingua galega é pechar en demasía», excluíndo por exemplo obras «mudas ou experimentais». Porén, co descubrimento do «claro dominio que hai por parte do castelán», Romero admite que «o criterio lingüístico foi gañando peso».

Con estes datos realizou, por vez primeira, unha base de datos de longametraxes producidas entre 2000 e 2015. As cifras son preocupantes: 56% das longametraxes foron feitas en castelán, fronte a só 18% en galego. Este nivel é bastante constante ao longo do período, mais entre 2007 e 2011 detéctase un incremento dos filmes en galego, que coa chegada de Feixoo ao Goberno cae de novo.

As axudas «non están funcionando, nin hai un compromiso real», afirma Romero

O repaso do traballo á política audiovisual deses 15 anos denota ademais «o nulo control por parte da administración dos proxectos beneficiarios». Aínda que as axudas son convocadas ao fomento do audiovisual en lingua galega, os filmes realízanse en castelán (até un 50% dos subvencionados) sen que a Administración faga nada. As axudas «non están funcionando, nin hai un compromiso real», afirma Romero, pois a lingua galega non é indispensábel, senón «un criterio a cumprir que dá unha puntuación na convocatoria».

Malia os datos, Romero non é pesimista. «Longa Noite e Arima proxéctanse estes días no festival de Sevilla», di, como moitos outros filmes que están por fin chegando ás «salas comerciais, absorbidos polo grande público». Isto demostra, contra o falso mito da ausencia da demanda, que «que o máis comercial tamén pode ser en galego». Detéctase, polo tanto, un cambio que debe dar folgos para seguir traballando no cinema en galego.