Só tres das dez casas compostelás nas que morou Rosalía están sinalizadas

Só tres das dez casas compostelás nas que morou Rosalía están sinalizadas
Rosalía e familia
Rosalía e familia  

Das dez casas nas que morou Rosalía en Compostela, só tes están sinalizadas. Dúas pola Universidade de Santiago e unha polo Banco Popular. Denunciouno a profesora Mercedes Espiño na homenaxe a Coralia e Maruxa Fandiño, as Marías, no cemiterio de Boisaca. 


En dez casas morou Rosalía de Castro en Compostela, cidade na que naceu en 1837. De todas elas, só en tres hai placas que indican que a poeta fundadora da literatura galega contemporánea tivo a súa residencia no inmóbel, dúas delas postas pola Universidade de Santiago e unha terceira, situada na rúa da Senra 17, polo Banco Popular e instalada dentro da propia sucursal. A denuncia formou parte da intervención da profesora Mercedes Espiño na homenaxe ás Marías que a A.C. O Galo e o Ateneo de Santiago desenvolveron no cemiterio de Boisaca con motivo da instalación dunha lápida na tumba que xuntou de novo ás irmás Coralia e Maruxa Fandiño Ricart, máis de trinta anos despois da súa morte. 

"Aproveito para denunciar esa política oficial ocultadora,  pois este abandono da cultura e da memoria histórica esténdese a moitas das personalidades que residiron en Compostela”, dixo Espiño

“Tamén non hai placa ningunha na casa da familia Fandiño, polo que aproveito para denunciar esa política oficial ocultadora,  pois este abandono da cultura e da memoria histórica esténdese a moitas das personalidades que residiron en Compostela”, lamentou a profesora Mercedes Espiño quen hai poucos meses protagonizou un roteiro por Compostela organizado pola A.C. O Galo arredor dos espazos rosaliáns na cidade.  “Cidades como Londres, Madrid, Pontevedra, mostran con orgullo aos seus visitantes os lugares en que naceron ou moraron, escribiron ou investigaron persoas ilustres. Pero a Santiago de Compostela parece que lle gusta agochar a súa propia historia, condenando ao ostracismo e ao descoñecemento social a moitos dos seus máis importantes cidadáns”, sinalou Espiño ao tempo que lembrou que, pola cidade, agroman multitude de placas con lendas do tipo "Este edificio foi inaugurado sendo alcalde fulanito de tal..."