Só dúas bandas galegas superan os 100.000 seguidores en redes sociais

Só dúas bandas galegas superan os 100.000 seguidores en redes sociais
Los Suaves
Los Suaves  

O grupo galego máis seguido en Facebook é Los Suaves, con 106.000 seguidores, e en Twitter Iván Ferreiro, con máis de 131.000. A máis popular cantando en lingua propia, SES, ten máis de 16.000 fans na rede de Zuckerberg.


Só os ourensáns Los Suaves superan a barreira de 100.000 seguidores. Detrás del están outros artistas consolidados, como Iván Ferreiro (case 88.000) e dúas referencias xa clásicas do folc: Carlos Núñez (+61.000) e Luar na Lubre (+50.000). Por detrás está o coruñés Xoel López (+38.000), a gaiteira Cristina Pato (case 22.000), que residen en Nova York, ou a banda coruñesa tributo a Dire Straits Brothers in Band (case 20.000). 

A continuación xa aparecen nomes da canción en galego, como SES (+16.000) ou Dakidarría (+14.000), xunto con Novedades Carmiña (+12.700), Heredeiros da Crus (case 12.500) e Woyza (12.455). Non incluímos Berrogüetto, por ser unha banda desaparecida, pero que aínda vive no Facebook con máis de 17.000 seguidores. 

En galego

Nos números dos grupos en galego nótase que seguen á marxe das radiofórmulas, con escasos apoios mesmo nos medios do país e dificultades para saír ao exterior. SES é un dos poucos exemplos nos que existe o fenómeno 'fan' na cultura galega e mantén unha intensa actividade en redes sociais para conectar co seu público. Ela sería a primeira nesta listaxe, seguida de Dakidarría e os barbanceses Heredeiros da Crus. Logo estarían os coruñeses que fan fusión Chotokoeu (+9.500), Terbutalina (+6.000), Xabier Díaz (+5.600) ou o grupo vocal De Vacas, con máis de 5.000 seguidores en menos dun ano de traxectoria. 

Twitter

O Twitter é unha rede menos frecuentada polos usuarios en xeral e polas bandas en particular, pero que dá sorpresas. Aquí o rei é Iván Ferreiro con máis de 131.000 seguidores, tendo moi por detrás a Xoel López (+27.000) ou a Los Suaves (+9.000). Nesta rede, os líderes cantando en galego son Heredeiros (+8.000) seguidos de Dakidarría (+4.000) e Terbutalina (+3.000).