O AUSTRÍACO E A POLACA TOKARCZUC, NOBEL DE LITERATURA

Só un Peter Handke en galego

Só un Peter Handke en galego
Os premio Nobel de literatura de 2018, a polaca Olga Tokarczuk, e de 2019, o austríaco Peter Hanke. Fotos: Wikipedia.
Os premio Nobel de literatura de 2018, a polaca Olga Tokarczuk, e de 2019, o austríaco Peter Hanke. Fotos: Wikipedia.  
En Don Xoán (contado por si mesmo), Peter Handke volve sobre a figura do libertino e preséntao cunha nova luz, a que cadra xustamente coa súa propia literatura: confusión, lindes difusas, certo pesimismo existencial. En tradución de Luís Fernández Rodríguez, é a única obra do premio Nobel 2019 en galego.

Mais que haxa versión galega non quere dicir que estea dispoñíbel: o libro, orixinal de 2004, publicouno dous anos despois Sotelo Blanco, editorial cuxo ritmo de edición se reduciu moi notabelmente. En 2016, Uxía Vaello e Borja Fernández representaron a peza dramática Insulto ao público, de 1966, en tradución das irmás Sabela e Catuxa López Pato. Non se publicou en libro.don xoán

Handke (Griffen, Austria, 1942) é un dos escritores europeos fundamentais da contemporaneidade. Comprometido na esfera pública e de opinións contundentes, entre as súas principais novelas atópanse O medo do porteiro ao penalti (1970), Lento regreso (1979), Carta breve para un longo adeus (1972) ou O ano que pasei na baía de ninguén (1994). É ademais poeta de envergadura e autor dun singular ciclo de ensaios publicados na década dos 90: sobre o cansazo, sobre o jukebox ou sobre o lugar silencioso. So outra literata austríaca recibira o galardón: Elfriede Jelinek en 2004.

Este ano o Nobel de literatura foi peculiar. Despois dos escándalos por acoso na Academia Sueca que anularon a súa entrega na pasada edición, desta volta concedéronse dous. Ademais do de Handke, recuperouse o de 2018, que recaeu na escritora polaca Olga Tokarczuk (Sulechów, Polonia, 1962).

Tokarczuk, autora de poemas e novelas como Os corredores (2002) ou Os libros de Jacob (2014), apenas se atopa traducida a linguas peninsulares. É a décimo quinta muller en gañar o Nobel de literatura e a segunda polaca, despois da poeta Wislawa Szymborska, que o levou en 1996.

Nota: a editorial Sotelo Blanco aínda existe, en contra do que figuraba nunha versión inicial desta información, mais apenas publica novos títulos.