Sobre a lingua dos trobadores

Sobre a lingua dos trobadores
Gravado medieval
Gravado medieval  
O sueco Pär Larson presenta en Compostela A lingua das cantigas, unha obra que constitúe a primeira descrición sistemática da lingua usada polos trobadores. Será a segunda feira 4 de novembro, ás 19.30 horas, na Libraría Couceiro.

A segunda feira 4 de novembro, ás 19.30 horas, Pär Larson presenta A lingua das cantigas na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela. Ademais do autor, estarán presentes a política Mariña Arbor Aldea, o escritor Manuel Ferreiro, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo.

A obra constitúe un documento de grande interese para a nosa historia, a nosa lingua e a nosa literatura. O autor coñece coma poucos as nosas cantigas medievais, grazas ao cal constrúe, como destacan desde a editora, a primeira descrición sistemática da lingua usada polos trobadores da Península Ibérica —desde Galicia e Portugal ata o reino de Aragón—, entre finais do século XII e mediados do XIV, para compor tanto poesía lírica sacra (as Cantigas de Santa María de Afonso X) como profana (cantigas de amor, de amigo e de escarnio e maldizer).

O autor

Pär Larson, nado en Suecia, vive en Italia desde 1981. É investigador no Instituto Opera del Vocabolario Italiano (OVI-CNR) de Florencia, cidade onde finalizou a súa formación universitaria baixo a dirección do historiador da lingua italiana Arrigo Castellani. Lingüista, filólogo e lexicógrafo, ocúpase principalmente das materias relacionadas coa gramática histórica e a lírica románica medieval.