'A LÚA E SEIS PENIQUES' TRATA "A HISTORIA DO XENIO QUE O SACRIFICA TODO"

Somerset Maughan, por primeira vez en galego

Somerset Maughan, por primeira vez en galego
O escritor británico William Somerset Maughan. Foto: Wikipedia.
O escritor británico William Somerset Maughan. Foto: Wikipedia.  
Non atravesa o escritor William Somerset Maughan os seus intres de maior popularidade. E, porén, nun tempo foi sen dúbida un dos autores máis célebres e celebrados do mundo. A súa extensa obra, 21 novelas e máis dun cento de relatos, estaba inédita en galego. A editorial Hugin e Munin publica agora a versión galega de A lúa e seis peniques, un dos seus títulos de referencia.

cuberta-maugham 2“O narrador en primeira persoa, un aspirante a escritor, seguirá os pasos de Charles Strickland, un anódino axente de cambio residente en Londres que se revela como un home túzaro, egocéntrico e obsesivo”, di o resumo editorial da tradución, que corre a cargo de Alfonso Blanco, tamén responsábel dun pequeno aparello de notas, “así, unha vez que decide facer da pintura a súa razón de ser, Strickland non vacilará en renunciar á súa vida acomodada e principiar, con inusitada intrepidez, unha desconcertante aventura lonxe de Inglaterra”.

A lúa e seis peniques publicouse orixinalmente en 1919. Pertence ao período de maior éxito e recoñecemento popular de Somerset Maughan (Parías, 1874-Niza, 1965), escritor británico por excelencia malia os seus lugares de nacemento e morte. Ao fondo da narración atópase a vida de Paul Gauguin, mais tratada con certo sarcasmo. “A obra é asemade unha sátira dos costumes eduardianos e vitorianos”, sinalan desde Hugin e Munin.

“Hei de confesar que cando comecei a tratar a Charles Strickland en ningún momento entrevín que houbse nel nada extraordinario, por máis que agora raro é que alguén negue a súa grandeza”, comeza unha novela que coñeceu variacións en medios televisivo, teatral, cinematográfico e operístico. E que trata, ao cabo, “a historia do xenio que o sacrifica todo, que renuncia ás posesións materiais e deixa de lado os convencionalismos da existencia para se dedicar á contemplación da beleza”.

Nota: cuberta da edición galega de A lúa e seis peniques.