DEBATEN PEPA REI E FELIPE-SENÉN

Somos celtas ou castrexas? Ou as dúas?

Somos celtas ou castrexas? Ou as dúas?
[Imaxe: Cintia Rei]
[Imaxe: Cintia Rei]  

Para a décima e derradeira entrega do 5x2, a sección que creamos para conmemorar o V aniversario de Sermos Galiza,xuntamos Felipe-Senén, museólogo e arqueólogo, ademais de ex director do Museo Arqueolóxico da Coruña, con Pepa Rei, profesora de Prehistoria na Universidade de Santiago e especialista no mundo castrexo. O obxectivo é recuperar unha vella discusión que volve a nós a cada pouco: a posíbel orixe celta da nosa cultura. Deixamos aquí un extracto.


SG. Vostede diría que Galiza é un país celta?

Senén. Eu diría que visto así, na súa diacronía cultural, entendéndoo como un país do occidente atlántico que une a cultura a través dunha autovía que é o Atlántico, si. E ademais, na historia os romanos cando chegan aquí ven os outros e din: “non son coma nós, son célticos, ou son celtíberos”, e teñen ritos moi ao estilo oriental, de carácter mesmo grego, como visten, o que toman, etc. E ademais aparecen documentos arqueolóxicos, a Estela de Crecente, que está no Museo de Lugo, onde hai un tamarico que presume de céltico, é dicir, que entre os romanos presume de céltico. E logo na época medieval, no Libro das Invasións do século XII no que fala de Breogán, que parte de Brigantia, etc. Logo as lendas do ciclo artúrico están en Galiza, no Cebreiro, no Monte Pindo, que ese é o mundo céltico por excelencia. Como o propio Breogán que se cristianiza, e logo santiños populares galegos, panteístas moitos deles… E logo eu aí vexo unhas permanentes identitarias culturais que venden turisticamente moitísimo. Despois, nese mundo protohistórico hai uns elementos moi propios. A nosa cultura dos castros, tan romanizada, é unha cultura moi particular, moi semellante ao dos hillforts ingleses. E hai unha etnoarqueoloxía viva moi particular, moi identitaria nosa procedente dese mundo chamado occidental atlántico ou, entre aspas, mundo céltico.

6Pepa Rei. Eu o problema que vexo desde o punto de vista arqueolóxico e artefactual é que non hai fontes escritas. Eu sempre defendín, independentemente de filias e fobias, que a dos celtas é unha liña de investigación que necesita estar aí, pero arqueoloxicamente neste momento é unha parte pouco traballada, hai unha liña de investigación en toda a Península que se chama Etnoxénese e que intenta ver as orixes daqueles pobos cos que se atoparon os cartaxineses e os romanos, que son os galaicos, os astures, os baceos, os celtibéricos, etc. Entón esa liña está aí. Pero a investigación xa sabemos o fráxil que é porque temos unhas desigualdades de coñecemento moi fortes como para ter unha configuración de orixes, procedencias e circuítos moi importante. Iso é moi importante. Pero non só afecta á Península Ibérica. Por exemplo, en Irlanda o céltico é fundamentalmente medieval. O que está claro desde a perspectiva arqueolóxica, sen fontes escritas, é que só temos a cultura material e a estética, que son como faragullas de pan que che permiten identificar rastros e condutas xeográficas. Só sabemos que no Bronce final as relacións atlánticas son moi importantes. Realmente non somos un fondo de saco, como se dicía. Somos atlánticos, marítimos fundamentalmente, realmente nós somos un centro do Atlántico. Esa é a perspectiva que agora temos.

[Podes ler o debate íntegro no Sermos Galiza 252 á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]