ENTREVISTA A ELOY DOMÍNGUEZ SERÉN

"É un momento moi estimulante para o cinema galego"

"É un momento moi estimulante para o cinema galego"

Esta semana presentou o seu filme Jet Lag no Festival de Sevilla e o sábado farao en Cineuropa. Entrevistamos ao cineasta Eloy Domínguez Serén.


 

Eloy Domínguez Seren é bo representante desa nova xeración de directores/as galegos que están a levar o nome de Galicia polos grandes festivais internacionais. Sobre un dos formatos cos que acadaron máis éxito nos últimos anos, o cinema do eu, abondará no obradoiro que impartirá en Carballo do 17 ao 21 de  novembro.

-Como está a ser a túa experiencia no Festival de Sevilla para presentar os teus dous últimos traballo, Jet Lag e mais No novo ceio?

-Son a estrea mundial dous dous no Festival de Sevilla. Unha, No novo ceio,  é unha peza curtiña que fixen en Estocolmo, onde vivo dende hai dous anos, que ten que ver coa paisaxe do lugar, cunha compoñente arquitectónica.  O segundo, Jet Lag, é máis longo. Fixéno en Tui en colaboración coa produtora Beli Martínez, nunha gasolinera en Guillarei. En principio, ía ser un traballo cun traballador nocturno, filmando a sua experiencia, as súas quendas de oito horas, tratando de comprender o que supuña traballar só de noite nun lugar totalmente illado. Durante a rodaxe aconteceron unha serie de suceso que cambiaron as nosas premisas e acabou sendo un filme bastante diferente. Todo iso queda rexistrado na pelicula. As  dúas películas,  conviven.

-O 2014 foi para ti especialmente produtivo. Como se consegue, no contexto actual de precariedade, sacar adiante dúas novas pezas?

-Con poucos medios, con poucos recursos, pero con moita ilusión, e tratando de combinar todos os proxectos. Agora  cara ao final de ano este traballo está tendo o seu froito, estase a converter en películas, que están  tendo moi boa aceptación. Estes dous proxectos dos que veño de falar estanse a presentar en Sevilla. Norte, adiante, que fixen en Noruega,  foi presentado no Museo Reina Sofía de Madrid e na Laboral de Xixón.  Foi bastante intenso pero moi estimulante. Aprendín moitísimo. E agora teño a sorte de que os filmes están sendo moi ben aceptados. Son moi feliz.

-Cal é a importancia, para ti, de participar nun obradoiro como o Formacip?

-Este ano tiven a oportunidade de ter unha experiencia como docente nos campamentos de refuxiados saharuiuis e foi fantástica. O alumnado non estaban de todo familiarizados co cinema, e sobre todo, co cinema de non ficción non procedente de Hollywood. Foi fascinante ver a súa permeabilidade cando lles ofreces a posibilidade de ver e pensar outro tipo de cinema. En Carballo, estou seguro de que a experiencia vai ser fructífera.

"Hai varios filmes moi interesantes que inclúen a primeira persoa, como Vikingland e Todos vós sodes capitáns"

-O cinema en primeira persoa é unha temática atractica, mais en principio tal vez pouco coñecida…

-O obradoiro pode resultar ao principio bastante insólito, porque o cinema en primeira persoa é bastante descoñecido, pero a xente que o coñece como espectador logo incluso se lanza a facelo. É un cinema moi íntimo, moi flexible e enriquecedor, que conecta moi ben coa xente e  che permite explorar diferentes códigos cinematográficos, moi enriquecedor. Estou seguro de que o alumnado vai gozar moito desta experiencia, e sobre todo eu. E estou seguro de que o que máis vou aprender son eu. O intercambio que se produce neste tipo de obradoiros é sempre magnífico.

-O obradoiro conta cunha parte teórica e outra práctica. Como o tes enfocado?

-É preciso unha introdución teórica ao que é o cinema en primeira persoas. Imos ver varios exemplos de cineastas internacionais moi prestixiosos que traballaron neste tipo de formatos. Máis que ensinar uns contidos, o que imos facer é dialogar moito: sobre o que saben do cinema en primeira persoa, que lles gustaria saber, que lles gustaría explorar, de que xeito se queren achegar a el. Despois xa habería que explorar esa parte máis practica, con exercicios nos que exploren que tipo de cinema en primeira prosa podería encaixar co seu interese, cos seus gustos, co seu xeito de traballar. Algo que ten o cinema en primeira persoa é que che permite contar historias que só ti e nada máis que ti podes contar. Quero axudar á xente a identificar ese tipo de historias.

-Por que decidiches centrar o obradoiro no cinema en primeira persoa?

-Foi a tipoloxía de cinema na que eu empecei a traballar, primeiro facendo un documental para a Televisión de Cataluña, que era case unha autoparodia, e logo en Suecia, onde comecei a explorar o formato de diario filmado. Unha parte fascinante é darlle forma a todo ese material,  ver que partes quero mostrar e cales non e, sobre todo, como a todas estas imaxes que non seguen unha estrutura clásica de inicio, no e desenlace, lle podo dar forma. Gustaríame tratar co alumnado como ese material se pode converter nunha narración, e esa narración nun filme.

 

"A axuda da Administración non está sendo todo o boa que pensamos que podería ter sido tendo en conta que nos últimos anos o cinema galego viviu tempos de moito éxito"

-A que se debe o auxe do cinema en primeira persoa nos últimos anos?

-En primeiro termo, é unha resposta ás innovacións tecnolóxicas no sentido de que permite a todo o mundo facer cinema. Mais tamén atende ao feito de que nos últimos anos se intentaron explorar outros códigos máis afastados da ficción, e a xente comezou a facer documentais sobre o máis próximo, o seu pobo, a súa xente, a súa veciñanza, sobre ti mesmo…  Non é un curso sobre como facer unha película dun mesmo, senón sobre como facer películas dende o punto de vista dunha persoa, do que lle rodea, da súa contorna

-Para o cinema galego, que supón o cinema do eu?

-Hai varios filmes moi interesantes que inclúen a primeira persoa. Unha delas é Vikingland, de Xurxo Chirro, un diario filmado sobre un mariñeiro que se comezou a filmar a si mesmo durante o seu traballo nun barco entre Alemaña e Dinamarca. Xurxo Chirro colleu ese material e fixo unha película. Outro filme moi importante do cinema galego é Vós sodes capitáns, de Oliver Laxe, onde o propio Oliver Laxe aparece como personaxe da súa película. Son dous bos exemplos de cómo dende a perspectiva do eu se poden facer películas completamente distintas.  

-Como, dende a perspectiva dun cineasta mozo coma ti, se ve o momento actual do cinema galego?

-É un momento moi estimulante. Hai un grupo de cineastas novos que intentan sacar os seus proxectos adiante malia a carencia de medios e a base de empeño, de ilusión e de coraxe. Son cineastas a pesar de todo. Síntome moi orgulloso de formar parte, dalgún xeito, dese grupo . É certo que é un momento bastante duro. A axuda da Administración non está sendo todo o boa que pensamos que podería ter sido tendo en conta que nos últimos anos o cinema galego viviu tempos de moito éxito, con presenza en festivais internacionais como Cannes, Rotterdam…. Neste sentido, hai que intentar dialogar, acadar apoios, que aposten por esta xeración de cineastas que están tendo moito éxito, que están mostrando Galicia no exterior, cunha presenza admirable, que se repite ano tras ano. dende que Oliver Laxe estreou Todos vós sodes capitans en Cannes.  É algo moi bonito. Esperemos que co traballo da xente e o apoio da administración o manteña moitos anos máis.