Galaicos, non castrexos: unha mostra redefine a historia galega

Galaicos, non castrexos: unha mostra redefine a historia galega
[Imaxe: cedida] Visitante na mostra 'Galaicos'
[Imaxe: cedida] Visitante na mostra 'Galaicos'  

A exposición Galaicos, un pobo entre dous mundos, que se pode visitar no Museo de Pontevedra até o 2 de febreiro de 2020, racha cunha serie de tópicos asociados ao período comprendido entre a Idade do Bronce e o século VI da nosa era, como a terminoloxía de castrexos para definir o conxunto de pobos que habitaban no noroeste da Península Ibérica ou o mito do atraso e o illamento.


O Museo de Pontevedra acolle até o vindeiro 2 de febreiro de 2020 Galaicos, un pobo entre dous mundos, unha exposición que pretende mostrar o nexo de unión que foi Galiza entre o Atlántico e o Mediterráneo no período comprendido entre o crepúsculo da Idade de Bronce (1500-800 antes da nosa era) e o século VI.

Comisariada por Antoni Nicolau Martí e Rafael M. Rodríguez Martínez, trátase dunha exposición máis de teses que de pezas -a pesar de contar con obxectos de até dez institucións museísticas distintas- que se ve complementada con diferentes actividades, como visitas guiadas e dramatizadas ou xornadas de conferencias e recreacións históricas.

A achega máis relevante que realiza a mostra é a defensa do postulado de que “galaicos” é unha terminoloxía moito máis adecuada que “castrexos” para definir o conxunto de pobos que habitaban o noroeste da Península Ibérica.

“Desde o punto de vista científico, se hai ilerdenses, por que non pode haber galaicos? Porque existir, existían, e falar de cultura castrexa non é correcto, porque lle estamos a poñer o nome dun tipo de hábitat moi concreto, e a Idade do Ferro no noroeste é moito máis complexa que os simples castros. Por exemplo, hai poboados abertos que non son castros, ou centros de comercio que tampouco son castros, aínda que sexan da mesma cultura. Por tanto, consideramos que hai que darlle unha volta a ese concepto cultural”, afirma o comisario Rodríguez Martínez.

Ruptura do “mito do atraso”

O visitante poderá atopar unha visión diferente do que se pensaba até non demasiado do que era a protohistoria galega até o inicio do reino suevo.

O principal tópico co que se racha en Galaicos, un pobo entre dous mundos é o do atraso e o illamento. O comisario Rodríguez explica que Galiza, e en especial as Rías Baixas, era unha zona “ben comunicada” grazas á vía máis usada da antigüidade, o mar: “Aquí estábase a catro días de navegación de Cardiff e a outros tantos de Cádiz, polo tanto eramos un punto central do Atlántico, o que racha con esas crenzas que se tiñan de que a xente estaba incomunicada, atrasada e pouco avanzada. Desde o século V antes da nosa era está probada a existencia dun comercio directo con individuos que veñen do Mediterráneo e traen materiais da Sardeña, Eivisa, Cartago... hai un contacto moi fluído”.

Pontevedra, última parada

Pontevedra é a terceira e última parada dunha mostra que foi inaugurada en novembro de 2018 no Museo Arqueolóxico de Madrid e trasladada ao Museo da Prehistoria de Valencia o 8 de marzo de 2019, congregando un total de 32.000 visitantes.

Sobre o que lle deparará o futuro, Rafael Rodríguez apunta a dous escenarios posíbeis. Por unha banda, cabe a posibilidade de que sexa a súa derradeira parada pero, pola outra, recoñece que están a pensar “se darlle unha volta” e transformala “en varias pequenas exposicións itinerantes, para que poida percorrer diversos concellos da contorna”.