ENTREVISTAMOS ÓLIVER LAXE

"Os cineastas somos soldados da morte"

"Os cineastas somos soldados da morte"
[Imaxe: Irene Pin] Oliver Laxe
[Imaxe: Irene Pin] Oliver Laxe  Irene Pin
A terceira longametraxe de Oliver Laxe, O que arde, chega por fin a Galiza despois de acadar o recoñecemento da crítica internacional e se converter no primeiro filme en lingua galega proxectado en Cannes. Sermos Galiza recolle as súas primeiras impresións tras as preestreas dos últimos días nunha entrevista concedida após o pase especial da película no Curtocircuíto.

O que arde, do galardoado cineasta Oliver Laxe, vai camiño de se converter no filme galego do ano. Após o éxito en Cannes e, máis recentemente, en Donostia, había moita expectación por ver o seu traballo aquí, como demostran as entradas esgotadas no Festival de Cinema Internacional de Ourense (OUFF), competindo na sección oficial, e no pase especial da terza feira no Curtocircuíto. Porén, a primeira proxección na Galiza foi precisamente en Navia de Suarna, onde se rodou parte do filme. Sermos Galiza conversa con Oliver Laxe despois destas agardadas preestreas no país. As que non obtiveron entradas terán que agardar aínda até a estrea oficial en salas o día 11 de outubro.

Como está a ser a acollida do filme na Galiza?

Vexo que reverbera. Estruturalmente o ser humano está composto de esencia e de personalidade. A personalidade son como millóns de egos que ocultan a esencia. O propósito do cineasta é conectar coa súa propia esencia. E cando conecta coa súa propia esencia, conecta co que tamén ten o espectador dentro. Teño a sensación de que este filme logra penetrar esa capa densa de ruído psicolóxico e de neurose para tocar a esencia do espectador. E iso, para un cineasta, para un artesán das imaxes e das emocións, é un logro. Ten repercusións benéficas para o espectador o feito de reconectar coa súa propia esencia. E no caso da Galiza, imaxina. Non é moi difícil porque penso que os galegos estamos moi conectados coa nosa esencia. Pero é unha maneira de seguir conectado a iso, o filme provoca iso. 

Teño a sensación de que este filme logra penetrar esa capa densa de ruído psicolóxico e de neurose para tocar a esencia do espectador

A natureza xoga un papel preponderante no filme. Para alén de definir as personaxes, ten unha entidade de seu, especialmente marcada polo paso das estacións. Que visión se traslada a través da relación coas personaxes?

Son galego, non estou separado da natureza. Non estou nunha dialéctica coa ela. Fixen este filme de maneira natural. Non foi “quero facer un filme no que a natureza sexa importante”. Estou disolto nela. Sempre fago filmes no rural. E sempre que podo vivo no rural, na natureza. E iso nótase. De feito, estou habitado por esa natureza, por aquel val. Desde pequeno, é un espazo que me habita, tenme secuestrado. Son unha expresión máis dese val, unha ferramenta del. Unha raíz invertida. Hai raíces que van cara á terra e hai raíces que son os seres humanos, unha extensión máis.

Nesta liña, que papel xogan os animais no filme?

Igual. Gústanme os animais e tiña ganas de filmalos. De honralos como me honran a min. Eu teño animais. Danme amor e tiña ganas de amalos coa miña cámara. Os nimais do filme non xulgan. En cambio, hai xente que xulga, algúns veciños xulgan. Os animais e a nai de Amador non xulgan, acéptante como es e límpante. De feito, no filme, os animais limpan os seres humanos. 

Como vén sendo habitual, traballa con actores non profesionais, que ademais dan nome ás personaxes protagonistas, Amador e Benedicta. Influíu a escolla do elenco na idea que tiña do filme?

Non transformou a idea porque xa os escollín adaptándoos moito. De feito Benedicta enerxeticamente non coincide moito coa personaxe que eu escribín, pero si as súas verbas. Cando fago ensaios, os actores habitan o texto, dino coa súa maneira de falar e dan ideas. Por exemplo, hai un momento en que Amador está falando do tecido que se produce coas raíces dos eucaliptos e evocou nun ensaio unha imaxe moi bonita: “é como un saco vello de patacas”. Ese tecido de raíces, que non deixan medrar nada debaixo. Imaxes así parécenme moi fermosas e incorpóroas sempre ao guión, melloran o filme e as miñas intencións. É xente moi conectada coa súa esencia, non fai falla que fagan nada. Xa os queres, abonda con velos. Os seus silencios, os seus xestos, están moi habitados. É xente que naceu no campo, que vive no campo. Hai unha verdade, hai unha autenticidade, non teñen que facer moito. No filme non hai psicoloxía. No rural non hai psicoloxía. Todo é máis sinxelo.

Hai unha vontade de retratar este mundo en extinción?

Os cineastas somos soldados da morte. Rexistramos aquilo que non volverá ser. Sempre hai unha melancolía, unha nostalxia nas imaxes e sentimos a morte sempre nelas. É importante documentar, dar legado, pero eu que son o director do filme podo dicir que me enfrontei a este proceso creativo porque precisamente o meu horizonte é converterme nun Amador e nunha Benedicta, é dicir, converterme nunha persoa que ten unha ollada, uns valores do campo. Unha persoa na que o ego ten unha posición determinada. Polo tanto, a intención non era “vou rexistrar o que morre”, senón “quero ir cara a algo que me dá vida, co que quero mirar o futuro”. De maneira moi orgánica.

A intención non era “vou rexistrar o que morre”, senón “quero ir cara a algo que me dá vida, co que quero mirar o futuro”. De maneira moi orgánica

Até hai pouco, o cinema galego máis recoñecido internacionalmente adoecía dunha certa desconexión ou descoñecemento por parte do público galego. Está cambiando esta situación?

O público está desconectado do cinema, non hai cinema na Galiza. Hai produtos, pero non hai filmes. Hai festivais de cinema, pero xa desapareceron case todos os cinemas. Certo cinema representa especies en perigo de extinción, que viven nun parque natural e a xente non vai visitar os parques naturais. Igualmente, ás veces hai certo conformismo nesa zona de confort do parque natural. Eu síntome como un oso que ás veces sae dese parque e intenta achegarse a outros públicos, facer un traballo de pedagoxía, de adaptarme á realidade, unha realidade difícil. É un movemento bastante mozo o noso, temos que madurar aínda. É difícil facer filmes. Ademais, na tradición da cultura galega, todos os movementos culturais importantes que houbo pasaron un momento de estar de costas á xente, ou de fuxida de Galiza, para voltar despois. O movemento Nós, por exemplo. Eu teño ganas de ser Amador e Benedicta, teño ganas de ter unha vida sinxela, de simplicidade, e de ter unha relación co espectador nese nivel. A vida é moi sinxela e quero que a sinta así. O público galego é un público globalizado, tamén, ao que lle dan pastalaría industrial. E cando che dan pastalaría industrial toda a túa vida, precisas deses azucres, desas graxas saturadas, e cando che dan un tomate da horta non che sabe a nada. Entón, que é, culpa do tomate que lle dá as costas ao público galego? Ou de que hai un desleixo total das autoridades con respecto á inclusión do cinema na educación, á protección de certas salas de cinema de autor...? Entón o noso labor é complicado.