DOMÍNGUEZ ALBERTE EXPLORA A FORMA CLÁSICA

O soneto como “disciplina e gozo”

O soneto como “disciplina e gozo”
Xoán Carlos Domínguez Alberte. Foto: Baldo Ramos.
Xoán Carlos Domínguez Alberte. Foto: Baldo Ramos.  

Catorce versos compoñen unha das máis universais formas clásicas do poema, o soneto. A ela entregouse Xoán Carlos Domínguez Alberte (Ramirás, 1966) no seu último proxecto, o libro Soneto no alfabeto (Galaxia). “Foi un exercicio de disciplina e gozo”, explica sobre unha obra enfocada a lectoras e lectores mozos.
 


“Formuleino como un reto, adaptarme a moldes clásicos. E dentro deles, decidinme polo soneto, a forma máis universal”, di. Antecedidos por un texto cuxo título homenaxea a Manuel Antonio -Intencións-, os poemas amosan intencións lúdicas, unha apoloxía do lecer literario. “Engadín aneis de complexidade e certo sacrificio gozoso”, insiste.

Os 22 sonetos comparecen baixo cada unha das letras do alfabeto galego. E a primeira palabra de cada un deles comeza por unha desas letras. “Zoa a uz na campaza / e acende luz na cabeza / en forza de natureza / que en mozo ou moza naza”, escribe no derradeiro. “Soneto no alfabeto fala, sobre todo, da poesía non como algo requintado e sublime, senón cotián”, engade, “porque está presente, como xogo e iluminación, en calquera ámbito da vida”.

O traballo poético de Domínguez Alberte transitou maiormente polo verso libre. O desprazamento ao clasicismo tamén modificou os seus obxectivos. “Mais este non é un produto só para adolescentes”, expón, “aínda que responde a unha teima miña dos últimos tempos”. Que remite á “sobreoferta” da narrativa infantil e xuvenil. “Son un gran lector de narrativa, pero ás veces desviamos a nosa ollada e esquecemos a poesía. E esta ofrece moitas posibilidades para a rapazada”.

“É o primeiro libro de sonetos da literatura xuvenil galega”, resume Domínguez Alberte, quen asegura que, en Galiza, “non hai tantos sonetistas”. De feito, mesmo se estraña de que haxa “grandísimos poetas” que nunca, ou apenas, o practicaron, como Cunqueiro ou Rosalía de Castro.

O poeta, prolífico, prepara xa un novo volume. Misterioso, indica que será “a dúas mans, cunha persoa moi coñecida” e que houbo editoriais que se interesaron por el. Pero non dá máis pistas.