OLIVER LAXE, CINEASTA

“Sós ante o imperio non se pode facer nada”

“Sós ante o imperio non se pode facer nada”
Oliver Laxe [Zeitun Films]
Oliver Laxe [Zeitun Films]  

Falamos con Oliver Laxe logo de gañar o Gran Premio da Semana da Crítica de Cannes, que o sitúa oficialmente como promesa mundial do cinema de autor. Cóntanos desde Tánxer, onde vive desde hai anos, a súa forma de ver o mundo e o cinema, o seu novo proxecto sobre identidade en Galiza, nos Ancares, que vai máis alá da sétima arte “porque teño moita necesidade de volver e de seguir enraizándome”. 


- Parece que Cannes está feito á túa medida. En 2010 gañas o Fipresci e agora o Gran Premio da Semana da Crítica. É un galardón que supuxo o primeiro empurrón de grandes cineastas como Bertolucci, Wong Kar Wai ou Ken Loach. Que supuxo para ti?
- Xa me gustaría que estivese feito á miña medida. Xa veremos que pasa cos meus próximos filmes. A verdade é que todas as pelis que se fan no mundo queren ir a ese festival e é superdifícil. Para min supón a seguridade de que os meus próximos filmes vanse ver con moita máis atención en Cannes. Dalgunha maneira supón, dito dunha maneira máis fría, que empezo a ser máis hexemónico, e esa hexemonía tradúcese en liberdade para min. Nesta cultura de cine de autor, váiseme pedir facer o cine máis persoal que poida, o máis libre, e iso éncheme de ledicia porque é difícil acadar esa liberdade. 

- Definiches Mimosas como un western relixioso, unha epopea mística no Atlas marroquino. Iso chámase risco con maiúsculas. 
- Si, pero digamos é a nosa responsabilidade. O noso rol é definir os conceptos. Ese é o rol do artista na sociedade. Rehabilitalos tamén. Collelos, retorcelos, transformalos e trascendelos. A min a verdade é que me excita moito ese tipo de risco. 

Este premio dalgunha maneira supón, dito dunha maneira máis fría, que empezo a ser máis hexemónico, e esa hexemonía tradúcese en liberdade para min. 

- E a pesar de apostar por un cinema independente aspiras a saír das marxes, non? 
- Non é que estivera tanto nas marxes, depende do que entendas por marxes. Deduzo pola túa pregunta que está nas marxes o cinema que non está distribuído mundialmente ou que non está no top ten. E iso é relativo, porque este cinema que está no top ten do box office moitas veces desaparece do recordo da xente. Se eu che pregunto polo box office do ano 2000 moitas desas películas desaparecéronche da consciencia. A sociedade non as necesita e o vento encheu de terra estas pelis. Polo tanto, cando para un o tempo non existe, eu non vivo na urxencia do presente, refírome, teño confianza en que as cousas a longo termo son hexemónicas. E o meu traballo é recoñecido, non diría que está nas marxes. E teño o meu público. Asumo que a batalla de rescatar o público hoxe en día é unha misión case imposible, dada a política de terra queimada do cinema máis pseudoindustrial que hai hoxe en día. Esa batalla de rescatar ese espectador ninguneado, que foi trabado durante moitos anos como comedores de brebaxe, está perdida. Asumindo isto, si que me plantexo asumir ese cambio que se produciu dentro dos espectadores e intentar que o meu cinema tamén acolle algúns destes espectadores que, no fondo, a pesar de teren sido formateados, de non estaren afeitos a filmes que palpiten de verdade, no fondo, a pesar diso, teñen sede de imaxes que teñan algo de verdade, de luz, teñen sede de bos espellos. E, respondendo a túa pregunta, non é que queira saír das marxes, é que quero dalgunha maneira surfear coa onda e intentar servir da mellor maneira que poida á miña comunidade. 

- O éxito deste filme en Cannes pódeche axudar a chegar a novos públicos, aos circuítos comerciais independentes, non ás majors, claro. Cando cres que poderemos velo en Galiza?
- Xa hai unha proposta de Numax, pero non teño nin idea, non o estou a levar eu, o leva o meu irmán, que é o meu produtor e non teño información ao respecto. O que si é que se estreará nun festival español importante, do que aínda non podo dicir o nome, e será a partir de aí cando se poida distribuír comercialmente. 

Vexo certa continuidade entre unha certa Galiza dos meus ancestros e un certo Marrocos máis rural que aínda existe hoxe en día.

- Segundo filme e segunda vez que afondas en Marrocos. Por que te estimula tanto?
- Non sei, a verdade é que ten unha enerxía moi intensa, é un país no que tes que posicionarte eticamente en todo momento. Ademais gústanme os países nos que aínda existe unha forte tradición. Como artista de vangarda que penso que son, pois intento facer presente a tradición, que é o que sempre fixo a vangarda. Paréceme que ese choque entre tradición e modernidade é moi poético e a min sérveme como artista para entender mellor tanto o pasado como o presente como o futuro do ser humano. Aquí seguen estando presentes todos os arquetipos universais. En calquera caso, vexo certa continuidade entre unha certa Galiza dos meus ancestros e un certo Marrocos máis rural que aínda existe hoxe en día. Vexo unha transición nos valores máis fundamentais. 

- Lin na prensa que tes vontade de retratar a relixión musulmana de xeito fidedigno e respectuoso. Hai algunha mensaxe para Occidente aí?
- Creo que nunca dixen iso. Si achegarme, pero non retratar, non me vexo capacitado nin creo que unha relixión se poida retratar nin reducir a un filme. Non hai mensaxe para Occidente porque eu son Occidente, eu son froito dun pensamento occidental. Occidente cambiou moito. As dialécticas Oriente-occidente xa están caducadas. Dalgunha maneira todo é Occidente para ben e para mal. En Occidente hai un retorno a interesarse por certas tradicións. Digamos que o proxecto das luces, de Lumière, para a miña xeración, desde hai anos, é un palpable fracaso. Dalgunha maneira certa hexemonía da razón si que nos aportou cousas, si sedimentou outros niveis de percepción, outras maneiras de estar no mundo, que dalgunha maneira a miña xeración, e outras máis espertas e inspiradas estamos intentando rescatar. Unha das cousas que máis ledicia me causaron de Cannes foi ver que a xente o sentía como moi propio, que non había tanta dialéctica. O xesto humano en 'Mimosas' é moi recoñecible. Eu sempre digo que a xeometría do corazón humano é igual baixo a cultura zen, a budista, a chamá, a pagá, en fin... Si, dalgunha maneira, eu que vivo aquí desde hai anos, dábame certa pena a mirada mediatizada e caricaturesca que se fai moitas veces desde os media e que lexitiman certos problemas socioeconómicos. Paréceme curioso como detrás de certos problemas de tipo relixioso escóndense en realidade problemas político-económicos. Os xudeos e os musulmáns en Marrocos nunca tiveron ningún problema, viviron xuntos até hai moi poucos anos. Por poñer un exemplo. 

- Dis tamén que Europa está podre. Hai futuro aquí?
- Si que dalgunha maneira me parece que está en descomposición. Fíxate o problema dos refuxiados. Europa, que tanto nos vanagloriamos dos nosos valores, e fíxate o medievalismo co que se ataca esta cuestión. Si que me parece que está en certa descomposición, pero en paralelo hai un certo renacemento e a descomposición non ten por que ser pexorativo. 

Custounos catro anos ter a axuda da TVG, catro anos de chamar á porta unha e outra vez.

- Volvendo ao filme, a nivel de financiamento e de produción tamén foi unha odisea. Levouche 6 anos. 
- Así foi, levoume seis anos. Pero tampouco me espero ter unha vida fácil nin me queixo de ter obstáculos, porque son os obstáculos os que nos fan crecer e, desde logo, estes seis anos foron moi fértiles. Tivo que ser así e non foi logo nada sinxelo, penso que tiñamos merecido que as portas se abriran mellor e antes, tanto en Galiza coma noutros sitios. Custounos catro anos ter a axuda da TVG, catro anos de chamar á porta unha e outra vez. E dalgunha maneira nós, tanto meu irmán coma min, que investimos tanto neste traballo, a nosa saúde, as nosas economías, o tempo, pois dalgunha maneira todo isto queima e cansa. Afortunadamente a nosa fe, a nosa determinación e a nosa perseverancia, aí onde outros abandonan pois nós seguimos. A verdade é que facer filmes hoxe en día está na orde do milagreiro. 

- O teu terceiro filme será será máis doado de producir, non? 
- Si, creo que si. Tamén vai ser un filme máis pequeno. Non quero que me pase o mesmo. É un proxecto que vou facer en Galiza, a metade de orzamento, tres veces menos xente, vou facelo cos meus alumnos da Universidade Pompeu Fabra, imos vivir nunha casa dunha aldea abandonada dos Ancares durante unha serie de meses nos que queremos face un filme sobre a identidade. Teño alumnos de Perú, Brasil, Cataluña, Valencia, Canarias, algúns galegos tamén, Bélxica. Paréceme un cóctel ideal para pensar a identidade. 

Sinto a responsabilidade de coidar deste val [nos Ancares]

- Tamén vin que estás a restaurar a casa dos teus avós nos Ancares e mesmo a pensar en dedicarte á agricultura ecolóxica. É así?
- Si, estou niso, si. Cos meus amigos restauramos a casa desde hai algúns veráns e si tiña intención de rehabilitar a aldea. Quero revivificala e para facelo preciso crear certas enerxías económicas e o tema da castaña nos Ancares é interesante, e dalgunha maneira quero facer isto cando teña tempo, porque sinto a responsabilidade de coidar deste val, onde tantas e tantas xeracións de labregos viviron. Todos os meus ancestros viviron alí e síntome na obriga de honrar esta liñaxe. En fin, trataremos de revivificar o espazo, tamén quero con outros amigos cineastas e profesores, queremos facer unha escola alternativa de cinema, transversal, imos impartir moitos obradoiros de cinema. Este proxecto de filme digamos que é a primeira experiencia que imos levar a cabo. É o punto de partida. En canto á escola, non será unha escola regrada, van ser encontros semanais, compartir paseos, visionados... como unha ferramenta de descuberta, de desenvolvemento persoal, que nos pode converter en persoas máis sensibles e máis libres diante do que nos rodea. Polo momento todo isto son desexos. O proxecto coa Pompeu para min vai obrigarme a vovler a Galiza, que teño moita necesidade de volver e de seguir enraizándome. Esta liñaxe miña galega é a que me permite este enraizamento que me permite entender outras culturas, como a de Marrocos, o Islam, digamos que a nosa liñaxe é moi profunda, hai algo na nosa mirada, hai un discernimento galego que me parece moi xenuíno. E teño que volver para cargar todo iso.  

- Tamén tes en mente outro proxecto, unha road movie un pouco punk en Mauritania. 
- Si, punk relixiosa. Si, vou mesturar grupos de sufís contemporáneos con tranceiros, con grupos novos amantes do psy-trance, que é unha música techno, e é un guión que xa está escrito, é un proxecto a máis longo termo, máis ambicioso. Xa ves que estou ocupado, entre a peli de Galiza, a aldea, o val e a roadmovie psicodélica...

Cando estaba con Capitáns a xente preguntábame nos festivais se era catalán, hoxe en día é unha pregunta que xa non se fai, todo o mundo coñece o cinema galego no mundo.

- E o teu interese polo sufismo de onde vén?
- Pois non sei, a min interésame moito o esoterismo en xeral. Paréceme que o materialismo empobreceu moito o mundo. Se ben, a institución relixiosa en calquera latitude é certo que atormentou o ser humano durante moitos séculos, sen embargo, a desaparición do xesto relixioso que veu dado pola secularización, si que empobreceu moito o noso mundo. Digamos que esa falta de relación sagrada do ser humano co que o rodea e dalgunha maneira eu como cidadán contemporáneo si que intentei completar aquilo que a miña sociedade non me daba. Dalgunha maneira eu síntome sensible ao esoterismo, teño unha conciencia clara do mundo das formas sutís ou espirituais, como lle queiras chamar. Como tantos outros, simplemente non teño medo de falar diso. E a miña posición como artista lexitímame para atacar o tema. De algunha maneira, a reacción positiva que tivo a miña película alégrame, porque facer hoxe en día, nun contexto de cinismo contemporáneo e de esoterismo vacuo, unha proposta como a que fixen era moi complicado, e sorteamos tanto un perigo coma outro. E penso que estou contento por iso.

- Xa para rematar, gustaríame coñecer a túa opinión sobre o Novo Cinema Galego, ao que pertences, que a pesar de estar moi recoñecido en festivais de todo o mundo sigue aínda nas marxes, volvendo ao de antes.
- Primeiro, gústame trascender e relativizar o tema das marxes, porque son relativas a un tempo. O que hoxe está na marxe mañá será hexemónico. Manolo González sempre di que os pequenos mamíferos foron os que sobreviviron ao cambio climático, os dinosaurios desapareceron. Segundo, si que é un cinema que merece estar en primeiro plano. É un cinema moi comprometido coa comunidade, é un movemento moi xenuíno e que non se reproduce noutras latitudes. Lembro que cando estaba con Capitáns que a xente preguntábame nos festivais se era catalán, hoxe en día é unha pregunta que xa non se fai, todo o mundo coñece o cinema galego no mundo. Fálase, é unha pregunta recorrente para os medios especializados. Isto foi dado porque empezamos varios a aventurarnos, deixamos moitos os nosos egos de lado e propuxémonos axudarnos uns aos outros e facer tribo, caravana porque sós ante o imperio non se pode facer nada, máis que reproducir as mesmas fórmulas de sempre que ningunean e adormecen o ser humano e o espectador. Non me gustan moito as etiquetas, pero penso que queda todo por facer, pero sorpréndeme con moita ledicia que cada pouco aparecen novos cineastas, é un non parar. Hai pouco estaba no Curtocircuíto e aí ves a novos cineastas saídos das universidades, con proxectos pequenos e humildes pero con moita coraxe e valentía e dignidade. Penso que a clave de todo é un desacomplexamento, unha sorte de atrevemento que pasou de uns a outros, que uns motivamos a outros, por iso penso que non é xeracional e está indo máis alá da nosa xeración. Foi moi dinamizador. 



x