O DÚO ESTREA O SEU PRIMEIRO DISCO COMPLETO O 16 DE DECEMBRO

O soulk de Vudú preséntase na Coruña

O soulk de Vudú preséntase na Coruña
O dúo Vudú. Foto: cedida.
O dúo Vudú. Foto: cedida.  

Autodefínense como soulk. Lírica procedente do repertorio tradicional, voces de inspiración afraamericana e vocación pop. Vudú, dúo formado por Belén Tajes e Maritxinha, presenta o seu primeiro disco completo -logo de dous EP- este domingo, 16 de decembro, na Sala Garufa da Coruña.
 


De título económico -Vol. III-, o novo rexistro de Vudú está “cheo de sons máis pop ca nunca, percusións electrónicas e os seus inconfundíbeis tintes de jazz e soul. Parte de letras tradicionais que veñen directamente das súas avoas e atrévese por primeira vez con ritmos próximos aos anos 50”.

Unha noite na eira do trigo ou Eu chorar chorei -pensado como primeiro single- son algunhas das cancións populares incluídas nun traballo que contén tamén composicións propias: Lingua ou Xa me dixo.

Na gravación -efectuada nos estudios Drum&Roll da Coruña e no Observatorio Musical de Madrid- tamén colaboraron o percusionista Adrián Seijas, a saxofonista Nata Álvarez ou a rapeira de Moaña Wöyza.

“Música íntima e elegante para grandespequenos momentos”, afirma o dúo que practica. O domingo 16 de decembro, ás oito do serán no Garufa da Coruña, haberá ocasión de comprobalo.