TAMARA LORENZO ESTREA UNHA ÓPERA EN GALEGO EN INGLATERRA

"Traballar en galego é parte da misión: é paixón miña, é o meu idioma"

"Traballar en galego é parte da misión: é paixón miña, é o meu idioma"
Tamara Lorenzo Gabeiras [Foto. Natalie Efinger]
Tamara Lorenzo Gabeiras [Foto. Natalie Efinger]  

Tamara Lorenzo é a directora musical de O Arame, ópera de Juan Durán con texto de Manuel Lourenzo, que se representará o 10 de xuño en Oxford. Despois de actuar como solista por medio planeta, esta pianista galega métese de cheo no mundo da ópera cunha coprodución do Centro de Estudos Galegos John Rutherford da Universidade de Oxford e XOGA, iniciativa que impulsa ela mesma.


- Esta representación de O Arame é un coprodución do Centro de Estudos Galegos John Rutherford da Universidade de Oxford e XOGA. Como nace esta idea?
- Co centro de estudos xa levo colaborando desde hai bastantes anos, foi un pouco natural pensar nun proxecto común e facelo en Oxford. Nun concerto que fixemos, un recital de dous tenores e un piano, xa estiveramos falando de que estaría ben facer unha ópera galega pero non era nada concreto. E pouco a pouco foise perfilando, foise convertendo en facer O arame e ao redor disto foi como nace XOGA.

- XOGA nace entón un pouco da idea de facer un proxecto en común?
- Si, máis que nada por iso. Aquí hai moitas compañías de ópera pequenas en Londres. Eu traballei o verán pasado coa British Youth Opera e foi o que pensei. Podería haber unha Xove Ópera Galega. Eles teñen un acrónimo que é BYO e nós podemos ser XOGA. Despois dinme conta ademais de que “xoga” é a tradución do verbo “play” para os anglófonos significa tamén “tocar un instrumento”. Formas antigas destes verbos tiñan significados como saltar de ledicia ou bailar, na península dicimos tocar pero claro, queda un pouco perdido ese outro significado.

- Quen conforma XOGA neste momento? 
- Pois os que estamos a facer agora O arame, non se sabe quen quedará en XOGA despois do proxecto pero agora mesmo estamos todos neste equipo. Mesmo xente que non forma parte do elenco pero si participa no proxecto doutro xeito. Calquera pode ser parte de XOGA. É completamente aberto, comecei eu pero agora é de todos. 

Calquera pode ser parte de XOGA. É completamente aberto, comecei eu pero agora é de todos.

- Ten algún outro proxecto no horizonte?
- Traballei tamén o ano pasado cunha pequena compañía de ópera e traballaban con moita enerxía e a verdade é que collín un pouco de inspiración de todas as experiencias, dos grupos cos que levo traballado. Organizaron varias masterclass e proxectos similares e creo que nun futuro XOGA podería tamén facer iso. E igual coller algún texto de teatro galego e facer unha produción dramática que non ten porque ser ópera, pode ser calquera tipo de produción en escena con música. Está aberto. O primeiro que imos facer é O arame pero a partir de aí quen sabe que faremos. 

- O arame é o primeiro proxecto de XOGA, por que esta ópera? 
- Pois isto foi un pouco por busca miña. Ao ter estudos de ópera sempre me chamou a atención ver que había escrito en galego. E buscando atopei O mariscal e tamén outros xéneros pero non atopaba partituras. Foi entón cando atopei esta, O arame, que non tiña nin idea de que existía, non sabía nada. Vin que a fixeran na Coruña, no 2008, que era bastante contemporánea e que tiña un elenco moi reducido. Busquei a Juan Durán e unha vez que me comuniquei con el mostrouse encantado e envioume un DVD e partituras. Nun primeiro momento foi un traballo, digamos, só a nivel musicolóxico. Comenteille que que lle parecía, que se nos daría permiso para montala en Reino Unido. E a partir de aí, que todo fose tan fácil e que [Juan Durán] fose tan xeneroso con todo o material levounos a decidir que era unha boa obra para comezar.

O primeiro que imos facer é O arame pero a partir de aí quen sabe que faremos. 

- Para O arame contou cunha soprano galega. Ten moita relación coa diáspora galega en Reino Unido?
- Con Lorena tiña contacto xa de antes, participamos noutros proxectos xuntas e ademais fomos á mesma escola. Pensei que ela sería perfecta para o papel. Pero si que ten relación porque quen sabe, se eu estivese en Galiza agora pois quizais non xurdiría XOGA ao non ter tido estas experiencias que tiven en Londres. Si que moito da misión de XOGA é conectar eses músicos que estamos aquí na diáspora, non só músicos, artistas: directores ou actores ou bailaríns... Non só galegos pero si ao redor de obras en galego. É parte da misión ou da nosa visión porque... Porque si, porque é paixón miña, porque é o meu idioma. Porque creo que é un idioma que se dá moi ben para cantar pero sobre todo porque é o meu idioma e nada máis. Por pura paixón. 

- Economicamente, como se sustenta este proxecto?
- O Centro de Estudos Galegos está a cubrir algúns gastos pero a mediados de abril comezaremos unha campaña de crowdfunding para cubrir os gastos de caché do elenco.

Traballar en galego é parte da misión porque é paixón miña, porque é o meu idioma. 

- Nun plano xa máis xeral, marchou de Galiza a para proseguir os seus estudos musicais moi nova e cada vez máis, músicos galegos seguen o mesmo camiño, como ve a situación da música clásica no noso país? Que bota en falta?
- Este é un terreo perigoso o que me estás preguntando … quizais sexan dúas cousas: o valor do profesionalismo na docencia e o retorno do talento que marchou. Non é malo saír. O caso é que poidamos volver e ensinar o que aprendemos, poder retornar e ter espazo e ter sitio … Eu diría que o maior problema é que faltan vías para volver. Eu coñezo a moitos músicos, compositores que non se lles ocorre volver porque claro, nos países nos que están está moito mellor o sistema para captalos. Eu agora, por exemplo, se quero volver, non vexo como podería facelo. É un tema complicado.

- A maior parte da súa carreira musical dedicouna a formarse como solista, que a levou a mudar e decidirse pola dirección? 
- Pois foi máis que nada querer traballar con xente. A carreira e a forma de vida dun solista é estar só nunha habitación e estar practicando. É moi solitario. Eu toco o piano porque onde me criei, en San Cibrao, as opcións que tiña era tocar o acordeón, ou a guitarra ou o piano. Pero non sei se de ter tido unha oferta máis ampla de instrumentos tería escollido outro porque necesito traballar con xente, necesito crear con xente. Tocar o piano foi unha maneira de poder meterme no mundo da ópera. Comecei como repertorista [persoa que toca a parte da orquestra no piano para axudar aos cantantes durante os ensaios] e necesitas ser pianista e ser bo pianista para facelo, pero estar nesa posición fai que aprendas, que traballes con outra xente. Estás traballando cos cantantes, co director de escena, e é unha posición que me gusta pero ao mesmo tempo, tamén me gustaría ter a miña propia opinión. E por iso me estou guiando cara o de ser directora musical. Non é algo que domine agora, estou aprendendo máis e creo que é unha carreira na que até que morra unha continúa aprendendo. Creo que foi iso máis que nada, ter que estar en contacto con outros e facer algo con outros. Estar nun equipo  no que todos queremos facer algo xuntos e estamos emocionados  e inspirados. Eu creo que tamén en parte por iso nace XOGA, por esa necesidade de podernos meter todos nun saco e traballar xuntos. Por outra banda, os solistas que poden vivir diso están contados cos dedos da man e eu creo que non tiña dentro de min ese sacrificio para pasarme esas horas solitarias practicando e despois para esa vida solitaria que ten un cando vai de teatro en teatro. Non era o meu camiño. Pero alégrome  moito de ter estudado tantos anos piano porque tiven a oportunidade de ser repertorista e a partir de aí de entrar no mundo da ópera.  Aínda así, tampouco me quero encasillar no mundo da ópera quero abrirme a todas as artes escénicas que combinen coa música.

Non é malo saír. O caso é que poidamos volver e ensinar o que aprendemos, poder retornar e ter espazo.

- Que foi o máis difícil deste cambio?
- Pois a mentalidade ao tocar. Cando es mestre repertorista estás aí para axudar ao conxunto e estás aí transmitindo a visión do director musical. Non obstante, cando es ti o solista, es máis libre, son as túas ideas e es ti só. Da outra maneira es máis unha ferramenta dentro do sistema. Estás máis constrinxido, a técnica pianística é diferente. As partituras non son moi pianísticas porque son reducións de orquestra. Diría que é mesmo difícil o ritmo interno. É moito máis ríxido, menos flexible e tes que obedecer sempre, estás aí ao servizo dos demais. E por iso tamén un quere saír un pouco de aí. Aí é onde aprendes, é onde tes que estar pero é moi tentador querer ser ti o director para poder elixir ti. Pensas "ai, pois eu faríao desta outra maneira" pero realmente, até que non teñas suficiente coñecemento non te podes poñer aí. Con XOGA si, porque é algo noso e estamos comezando.



x