ORGANIZADO POLA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

O Teatro Colón ábrese ao debate sobre os procesos de creación

O Teatro Colón ábrese ao debate sobre os procesos de creación
[Imaxe: Deputación da Coruña]
[Imaxe: Deputación da Coruña]  

O Teatro Colón da Coruña acolleu durante a xornada deste sábado un encontro entre unhas 200 profesionais do ámbito da escenografía galega no marco da iniciativa “A Cultura é un dereito”, unha proposta da área de Cultura da Deputación da Coruña.


Organizada pola área de Cultura da Deputación da Coruña, o Teatro Colón acubillou este sábado a xornada “A escena galega sobre o palco do Colón. Os procesos de creación nas artes escénicas na Galicia do século XXI”, que xuntou máis de 200 persoas relacionadas coas artes escénicas.

Ao longo deste sábado debateuse ao redor dos procesos de creación aos que se enfrontan quen se dedican ás artes escénicas desde o punto de vista artístico. A xornada encetou coa conversa “Os procesos creativos na ensinanza das artes escénicas”, que levou a Carlos Neira, Daniel Salgado e Carlos Sante a analizaren baixo a moderación da tamén directora de escena, Irene Moreira, como se produce o achegamento á creación por parte dos alumnos e alumnas, tras finalizaren a aprendizaxe das diferentes técnicas interpretativas.

A continuación, o iluminador e deseñador de espazos escénicos Baltasar Patiño e a escenógrafa Laura Iturralde foron entrevistados polo dramaturgo Afonso Becerra. Unha conversa que abordou como as estruturas sonoras e visuais están ter un maior protagonismo e influencia á hora de compoñer novos espectáculos.

A sesión de mañá pechou coa conversa “Narrativas escénicas”. Un diálogo entre o director de escena Xulio Lago e a actriz Areta Bolado, que formularon as súas visións persoais sobre a construción do relato escénico contemporáneo.

Completa o programa a mesa redonda sobre a relación das persoas profesionais da interpretación –actores, actrices, bailaríns, etc…-, cos procesos de creación, en que participaron Esther Carrodeguas, Patricia Lorenzo, Eduardo Alberto Rodríguez 'Tatan', Olga Comeselle e Pablo Reboleiro.

Aliás, o apartado expositivo da xornada “A escena galega no palco do Colón” rematou coa actividade “A Dirección de escena e a dramaturxia”, con Tito Asorei, Gena Baamonde, Quico Cadaval e Ruth Balbís. Como colofón a esta xornada de debate e reflexión sobre a realidade escenográfica galega, catro compañías teatrais -Elefante Elegante, Prácido Domingo, Caramuxo Teatro e Manicómicos-, artellaron un bloque de exhibición nos espazos menos convencionais, e ao tempo menos coñecidos,  do Teatro Colón.

Variedade de profesionais

A área de Cultura da Deputación da Coruña salienta que “se por algo se caracterizou a xornada foi pola grande variedade de profesionais que participaron nos diferentes eventos que a institución programou”. E é que sobre o escenario do Colón compartiron mesa persoeiros dos ámbitos da dirección, da interpretación, da danza, do circo, o mundo dos monicreques, da música ou do teatro.

Na inauguración da xornada, a vicepresidenta a responsábel de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, puxo de manifesto que botaba en falta “ámbitos para a confluencia de distintas xeracións das artes escénicas galegas nas que, ás veces, o diálogo é mínimo, camiñando por liñas paralelas segundo propostas escénicas e mesmo xeracións”.

Neste sentido, Goretti Sanmartín subliñou “o carácter multidisciplinar e interxeracional” da xornada e agradeceu a participación tanto “de  profesionais que contan cunha dilatada traxectoria no mundo da escenografía galega, como das novas xeracións de artistas e creadoras”. Así, amosouse convencida de que “as reflexións, a escoita e máis as experiencias compartidas aquí hoxe, de seguro que repercutirán positivamente nos futuros proxectos escenográficos”.

Falar e debater como algo imprescindíbel

A directora e coordinadora da xornada, Cristina Domínguez, salientou na súa intervención a importancia que ten organizar este tipo de xornadas ao “reunir nun mesmo espazo a persoas de diferentes disciplinas vencelladas coas artes escénicas e performativas en xeral, para falar sobre os procesos de creación”. Insistiu en que “falar e debater sobre como se crea é imprescindíbel para avanzar cara á excelencia e para afrontar con garantías a proxección futura das creacións”.



x