Teatro e danza tentan capear a galerna dunha crise que reduciu as funcións á metade

Teatro e danza tentan capear a galerna dunha crise que reduciu as funcións á metade

Desde o inicio da crise no sector teatral desapareceron 54 compañías, o número de representacións reduciuse á metade, caendo a recadación nunha cuarta parte. Semellante panorama dáse na danza. 


Coa crise a cultura é das primeiras en sufrir as consecuencias, e sufrilas até o final. É o sector que axiña nota os recortes e tesoiradas da administración, así como dos primeiros nos que os fogares deciden tamén prescindir’ cando se ven na obriga de facer contas e adoptar unha ‘economía de contención’. Os dados do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte indican que a galerna da crise bateu e bate forte no sector galego do teatro e a danza, mais tamén hai certas fendas para a esperanza.

Sempre en base a este informe, desde o 2009 e até o inicio de 2014 en Galiza desapareceron 54 compañías teatrais, ao pasar de 267 a 213. Tamén se reduciu, se ben en menor medida, a cifra de espazos escenarios estábeis teatrais: nestes cinco anos pecharon 3. De 89 a 86.

No que si houbo unha queda significativa neste lustro foi no número de representacións tradicionais que se fixeron en Galiza. Se en 2009 foron 2.944, en 2013 foron 1.495, 1.449 menos. E iso tamén se notou na queda en espectadores. Perto de 550.000 espectadores gozaron en Galiza de representacións teatrais en 2009, unha cifra que en 2013 ficou reducida a 355.000, o que supón un desplome do 35%.

A recadación é, claro, afectada e foi en 2013 un 25% inferior á que o teatro tiña en 2009 -fora de tres millóns douscentos mil euros-. Ingresou en 2013 un total de 836.000 euros menos.

Por contra, aumentou o número de espectadores por función (unha media de 237, cando en 2009 esa media era de 186). E o gasto medio por galego pasou de ser de 5,8 euros en 2009 a ser de 6,7 en 2013.

Danza

E na danza? Pois malia que hai menos actuacións, menos recadación e menos espectadores, aumenta o número de compañías e a fidelidade dos amantes deste xénero. En 2009 había 75 compañías de danza e cinco anos despois eran 85. Nese período, porén, pasouse dos 169 representacións que se fixeron en 2009 ás 77 de 2013.

64.000 persoas asistiron a espectáculos de danza en 2009, un ano no que este sector recadou nese concepto 376.000 euros. Cinco anos despois: 35.000 espectadores e 205.000 euros.

Mais tamén aquí, como no teatro, aumentan os asistentes por función. Por cada representación en 2009 había 381 espectadores, e cinco anos despois foi de 452 persoas. Non aumentou, iso si, o gasto por galego e ano nestes espectáculos: 5,9 euros en 2009 e 5,9 euros en 2013.