TAREIXA CAMPO

“O teatro ensina a poñerse no lugar dos demais”

“O teatro ensina a poñerse no lugar dos demais”
[Imaxe: Cedida] "Comadres", de Shakespeare.
[Imaxe: Cedida] "Comadres", de Shakespeare.  

A última Mostra Internacional de Teatro de Ourense pechou cun recoñecemento ao infatigábel labor de Tareixa Campo (Val do Mao, O Incio, 1946) a prol da escena amadora. Dramaturga, actriz, pedagoga, fundadora da compañía clásica do teatro afeccionado Achádego hai agora tres décadas, Campo non ten prevista a retirada: “Como din por aí, mentres o corpo aguante”. Na actualidade, participa en Balas sobre Broadway, de Woody Allen –“fago de actriz decadente, moi divertido”–, e ataca a banalidade xornalística dos faladoiros en Opino de que. Ambas as dúas da man de Achádego. Eis un extracto da conversa publicada no número 295 de Sermos Galiza.


2Non sempre se ten en conta o papel do teatro amador. Por que cre que agora a Miteu o recoñece na súa figura?

Non é na miña figura. É moita xente a que neste momento está traballando polo teatro afeccionado. Os profesionais non teñen que velo como un perigo para o seu, senón todo o contrario. Estamos facendo canteira e é algo que facemos simplemente porque nos gusta, tendo outros medios de vida ou non. E poñendo en valor o teatro ben feito. Non ten por que ser un teatro de inferior calidade, senón un teatro do que non vives e polo que non cobras. Pero é unha loita pola cultura como outra calquera.

E que achega a unha cultura como a galega, en situación de desigualdade e sometemento?

Moitísimas cousas. A primeira aquí na Galiza é o papel impactante da exhibición pública do noso idioma, o galego. Non podemos estar á marxe da situación que está sufrindo a lingua. É moi importante xa só por isto. Despois, tendo en conta o deseño do teatro, sempre imos quedar aí reflectidos. Os galegos e a súa problemática. Mesmo sendo unha peza escrita en calquera outro lugar do mundo. Se ademais estamos falando da nosa cultura, moito máis. Paréceme totalmente imprescindíbel. Eu tamén traballei moito na pedagoxía teatral. Entón, considéroo como un espazo propio dentro do ensino, non só como un instrumento didáctico para traballar outra materia. É importante para a formación como persoas, para a formación e valoración do noso.

A que se refire con “formación como persoas”?

Durante moitos anos estiven en colectivos a nivel de Galiza e a nivel do Estado español perseguindo que o teatro tivese un lugar propio no currículo escolar. Para que lles serve aos pequenos? Para aprenderen roles sociais. O teatro ensina sobre todo a poñerse no lugar dos demais. Para aprenderen a se comunicar. Para aprenderen a ceder e a compartir e a saberes que a túa liberdade acaba onde empeza a dos demais. Para adquirir seguridade en ti mesma. Pero para min o principal é poñerte no lugar dos demais e comprender os nosos semellantes. Non é unicamente un instrumento de lecer, senón de formación. E de goce. O que empeza a facer teatro ten un verme que xa non pode soltar até que morre.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 295 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x