O teatro homenaxea a Xosé Manuel Olveira “Pico” co Premio de Honra Marisa Soto

O teatro homenaxea a Xosé Manuel Olveira “Pico” co Premio de Honra Marisa Soto
Xosé Manuel Olveira, Pico
Xosé Manuel Olveira, Pico  

O día da súa morte en xuño, a páxina da Asociación de Actores e Actrices mudou para un grande lazo negro. Agora, na primeira gala de entrega dos Premios María Casares que se celebra desde o seu falecemento,  a profesión réndelle tributo concedéndolle a Xosé Manuel Olveira, Pico, o Premio de Honra Marisa Soto. 


O pasado xuño morría Xosé Manuel Olveira, Pico, un dos máis recoñecidos actores da nosa escena e a profesión, os seus compañeiros e compañeiras do teatro, lamentaban a perda dun dos nomes máis relevantes do teatro galego. 

No primeiro acto de entrega dos Premios María Casares desde entón, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galiza, Xosé Manuel Olveria, “Pico” será o homenaxeado co premio de honra, demostrando que era “respectado e apreciado tanto polo público como polo sector”. 

Co filme “Somos xente honrada”, estreada no Festival de Málaga, pechaba a conta de filmes Xosé Manuel Olveira, Pico; poñendo fin a unha dilatada traxectoria na que o actor subiu ao cumio do teatro galego, foi querido e popular nas súas intervencións en series televisivas e protagonizou as máis brillantes interpretacións da escena contemporánea. 

Lugar estelar no teatro profesional

Nacido en Esteiro, Muros, en 1955, Xosé Manuel Olveira incorporase ao mundo do teatro en 1972, participando en diversas compañías que lle proporcionaron un lugar estelar no teatro profesional, desde a inicial amadora Ditea até ser un nome de referencia nas obras do Centro Dramático Galego, producións que lle valeron diversos premios, entre eles, varios María Casares e Mestre Mateo.

A imaxe de Olveira está apegada nos seus inicios aos comezos do cinema en galego, ás producións de Chano Piñeiro nas que a súa interpretación comezou a abrirlle portas no mundo do audiovisual, no que se convertería no nome máis recoñecido, tanto polos filmes que protagonizou como polas series televisivas nas que participou.

Medio cento de filmes e popular polas series

Arredor de medio cento de filmes teñen Pico entre o seu reparto, desde as iniciais con Chano Piñeiro até "Fuxidos", de Sancho Gracia; "El rey del río", de Gutiérrez Aragón; "Blanca Madison", de Carlos Amil; " A lingua das bolboretas", de José Luis Cuerda; "Cuando vuelvas a mi lado", de Gracia Querejeta; "La noche que dejó de llover", de Alfonso Zarauza; "Celda 211", de Daniel Monzón; "18 comidas", de Jorge Coira; ou "Doentes", de Gustavo Balza.

Mais foi nas series televisivas nas que Xosé Manuel Olveira se fixo popular, converténdose nunha das imaxes máis recoñecidas do audiovisual. Inesquecíbeis son as súas participacións en series como "Pratos combinados" ou "Padre Casares", que contou co aplauso da audiencia ou "Air Galicia" mais tamén coa presenza en series da televisión española como "Cuéntame". 

Olveira foi presidente da Asociación Galega do Audiovisual e un dos referentes máis respectados entre a profesión, con solidez profesional e persoal na defensa do teatro e o audiovisual galego.