ESPECIAL SOBRE ANTONIO FRAGUAS

Tecidos e traxes: patrimonio cultural

Tecidos e traxes: patrimonio cultural
Antonio Fraguas con Xoán Carlos Garrido e Carme Vilas (foto Marcelo Vidal).
Antonio Fraguas con Xoán Carlos Garrido e Carme Vilas (foto Marcelo Vidal).  

As vestimentas tradicionais de Galiza tamén foron motivo de estudo por parte de Antonio Fraguas, quen afirmaba que “para atopar a raíz e a esencia do noso traxe, debemos comezar polo coñecemento da materia prima para a súa elaboración”. Do seu legado fica hoxe o Premio Antonio Fraguas de Investigación sobre o Traxe Galego.


Sen títuloNa lembranza de D. Antonio Fraguas e D. Manuel Beiras.

No libro que Antonio Fraguas escribiu sobre o traxe galego recolle nun texto a riqueza, variedade e diversidade do vestir na Galiza ao longo dos séculos “non é posible atopar un traxe invariable en Galiza, anos e séculos fórono transformando e na arca do tempo gárdanse motivos e pezas que no seu día foron o mellor do vestir galego, pero a moda é fantasiosa e vaise transformando continuamente” (1). Esta riqueza, variedade e diversidade dos traxes de homes e mulleres que existiron na Galiza ao longo da historia está pescudado e contado con rigor no libro de Fraguas El traje gallego e, asemade, amplamente ilustrado con fotografías, pinturas e debuxos.

Rosalía de Castro, na súa poesía tamén relata a diversidade dos traxes galegos segundo as diferentes comarcas:

As de Muros tan finiñas,

que un coidara que se creban (...)

refaixo e mantelo negro

zapato e media de seda

negra chaqueta de raso (...)

As de Camariñas visten,

cal rapaciñas gaiteiras,

saias de vivos colores

polo pescozo da perna. (2)

Esta riqueza e galanura aparece xa nos tecidos, feitos na casa ou mercados, os liños, estopas, picotes, las, veludos, brocados, lenzos, panos sedáns, batistas... foron e aínda son a base dunha economía, un bo facer e unha maneira de seducir que falan dunha riqueza inmensa de cores, texturas, usos e tactos. Se estudamos a variedade de bordados e encaixes que se engadían como pegada persoal na peza feita veremos trazos de amor, de sedución e de encantamento en cada un deses traballos. Mais tamén unha parte importante da economía e do bo facer feminino ao longo dos séculos.

Os bordados de palillos son un sinal de identidade propia da Galiza que se practicou en todo o territorio aínda que hoxe estea máis identificada coa vila de Camariñas e a súa contorna. Nesta actividade artesá de grande calidade e finura chegaron a traballar máis de 20 mil mulleres e nenas no inicio do século XX até o fin da Primeira Guerra Mundial. Este traballo xerou un comercio internacional con exportacións, maiormente a América e cun valor económico de varios millóns de pesetas (3). Esta industria permitiu a independencia económica de moitas mulleres, un saber facer e innovación que hoxe representan as palilleiras convertidas xa en profesionais con escolas onde se aprende este oficio e cunha innovación en debuxos e materiais de traballo co carimbo de “Artesanía de Galicia”.

A riqueza dos traxes de homes e mulleres que existiron na Galiza ao longo da historia está pescudada e contada con rigor no libro de Fraguas El traje gallego

Os traxes tradicionais tiñan usos moi diferentes: decotío, de feira, de festa, de casamento. Tamén variaban os materiais e a feitura segundo as comarcas e as condicións climáticas: de beiramar, da montaña... Cada comarca definía a súa propia vestimenta que logo cada home e muller adaptaba ao seu corpo e uso. As medias de seda calada, as monteiras, os panos de namorar, os mantóns de oitos puntas, de seda e de Manila eran de cores diferentes e variaban en cada casa.

Os adornos, case sempre de prata dourada e de acibeche eran un patrimonio familiar herdado de xeración en xeración; máis rico nas casas grandes e nos Pazos; máis sinxelos, máis non por iso menos valorado, nas casas de traballo. Os brincos de reloxio, de lazo, etc etc; os colares de doas, de acibeche e coral; os aderezos, os sapos, os rosarios de filigrana, as leontinas con reloxios de bolso, etc, etc eran -e son- todo un patrimonio que falaba do bo facer de ourives, acibecheiros e artesáns, tamén hoxe prestixiados, pois foron quen de innovar na arte do traballo da xoiería.

Todo ese patrimonio e riqueza que existía en tantas casas galegas a principios do século XX foi en grande parte dignificado e posto en valor polas Irmandades da Fala, co seu inmenso traballo nas corais, grupos folclóricos, grupos de teatro, veladas e festas... como ben se mostra nas fotografías desta época, na prensa e noutros moitos documentos que se estudaron e saíron á luz co gallo do centenario das Irmandades da Fala (4). Nestas entidades, imprescindíbeis para coñecer a historia e a recuperación da identidade galega, militou no seu día, Antonio Fraguas (concretamente na de Compostela).

A chegada da ditadura

A represión feroz da ditadura franquista esnaquizou todo este traballo e autoestima do ser de Galiza, do que os traxes e os tecidos tamén son parte e, sobre todo, ridiculizou e desprestixou a vestimenta, pois era unha manifestación máis do bo facer do pobo galego. A recuperación do esquecemento e da vergoña valorizando e devolvéndolle a autoestima á vestimenta propia faise de novo a partir de finais dos anos 60 en diante nos grupos de baile, asociacións folclóricas, asociacións culturais, entidades de apoio ao traxe galego e tantas familias que gardaron o seu inmenso patrimonio de vestimenta e sacárono de novo á luz, dándolle vida co uso. Por aldeas e vilas apareceron dengues, panos, capas, mantillas, cofias e un longo etcétera de prendas riquísimas e variadas e hoxe os estudos e as investigacións permiten confeccionar novas roupas con coñecemento e rigor.

“Non é posíbel atopar un traxe invariábel na Galiza, anos e séculos fórono transformando e na arca do tempo gárdanse motivos e pezas”, deixou escrito Fraguas

Mais tamén, partindo da tradición e da transmisión de coñecemento de xeración en xeración aparecen novos usos da vestimenta e o calzado tradicional. Sirva como mostra o taller de zocos de Merza, desde o que a familia Ferro, e moi especialmente as netas do antigo zoqueiro, fabrican pezas que lle dan a este calzado un uso moderno e de pasarela.

Pero esta riqueza de tecidos, traxes, bordados, encaixes, etc non sería posíbel sen unha man de obra formada e preparada, é dicir, sen xastres e costureiras. Elas, as costureiras, foron durante todo o século XX a base dunha industria -a da confección- na que Galiza destacou, creou marcas e forneceu unha rede comercial, sendo quen de crear maquinaria propia, como foi o caso da máquina Refrey no período da autarquía franquista, fabricada nos estaleiros de Vigo. Esta actividade económica permitiu o bo facer e o empoderamento de mulleres como María Miramontes e Rosalía Mera, entre tantas outras, mulleres con nome na costura, na moda e na historia de Galiza. E se hoxe Galiza é unha potencia no mundo da confección, con empresas multinacionais, a súa orixe está, en parte, nesa man de obra que sabía cortar, coser e confeccionar.

Os tecidos e os traxes galegos son unha riqueza inmensa e un grande patrimonio e se verdade é que cada día están máis vivos, non é menos certo que precisan de espazos onde a súa historia sexa recollida e contada como fai o Museo do Pobo Galego (cun riquísimo patrimonio no que aos traxes se refire) e precisa tamén de traballos antropolóxicos e etnográficos de investigacións e pescuda como os que, no seu día, fixo D. Antonio Fraguas recuperando así o coñecemento e o saber popular de tantas xentes que habitaron e habitan Galiza.

(1) Páx. 13 Antonio Fraguas y Fraguas: El Traje gallego. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña 1985.

(2) Páx. 30 Antonio Fraguas y Fraguas (ibidem)

(3) Páx. 24 Mario Gallego Rei: O encaixe galego. A Nosa Terra, 2006.

(4) Uxío-Breogán Diéguez Cequiel (coord.): As Irmandades da Fala 1916-1931. Laiovento, 2016

[Este artigo forma parte do A FONDO especial sobre Antonio Fraguas, á venda a loxa]