FARRUCO GRAÑA, ESCRITOR

"Temos que converternos no centro do noso mundo e facernos con el"

"Temos que converternos no centro do noso mundo e facernos con el"
Farruco Graña
Farruco Graña  

Farruco Graña (Carballo, 1966), tamén profesor e concelleiro de Cultura de Ribadeo, vén de publicar 'Badaladas de Anllóns', un conxunto de relatos nos que afonda nos cambios que afrontou este país nos dous últimos séculos e como foi mantendo os seus sinais de identidade. Ese é o gran reto do pasado e tamén do futuro, que el afronta de xeito optimista "pero realista, sempre co espírito construtivo de non deixarse levar polo derrotismo". 


- Vés de publicar o teu terceiro libro, 'Badaladas de Anllóns' (Edicións Embora), no que volves á túa terra natal para contar novas historias. 
- Volvo á comarca de Bergantiños, onde o seu referente principal é Carballo, o concello onde nacín, aínda que a trama e os distintos relatos que conforman o libro fan referenza tanto a parroquias do concello de Carballo como da Laracha ou Ponteceso. E fai un salto cara á Mariña luguesa a raíz dunha peza musical de Rogelio Loureda que é 'Campanas de Anllóns'. 

farrucogranha2

- Hai algún fío que una os relatos ademais do Anllóns?


- O fío fundamental é o río Anllóns, as xentes do río, as campás do senfín de igrexas que van coroando todas as parroquias en torno ás cales se van desenvolvente o curso dos distintos afluentes que conforman o río. Ese é o fío fundamental, pero cada unha das historias ten entidade por si mesma, pero si que é certo que todas elas foron xurdindo segundo fun tendo ocorrencia de cada unha das historias, e acaban compartindo un certo ar de familia que poderiamos sintetizar no reto que foi para as nosas xentes dos dous últimos séculos ir afrontando os cambios que se lle presentaban, cambios derivados da transformación dunha sociedade netamente rural de finais do século XIX a unha sociedade cada vez máis urbana, ben sexa na cidade mesma ou nas vilas de referenza, pero tamén chegan eses cambios ás nosas aldeas. Nese sentido, o reto que supón afrontar eses cambios sen perder sinais de identidade dalgunha maneira van dando sentido aos distintos relatos. Os relatos parten, o primeiro deles, 'O talismán', do século XVI, que é un pouco a excepción, até os nosos días. Pero a maioría están ambientados no século XIX e XX, e tamén ten unha mirada singular ao mundo da emigración, sobre todo á europea. Procurei buscar o lado positivo ante a miseria e a pobreza que asolaba as vidas de moitas das nosas xentes, buscar o reto da aventura. Nese sentido, o fío condutor é o reto da aparición da transformación da nosa sociedade, cada vez máis urbana e tamén como conservar os sinais de identidade, porque ás veces ese ar de urbanidade, de nos deixamos levar polos tempos, pode acabar desembocando en abandonar as nosas raíces, e iso nunca. E iso dalgunha maneira procuro representalo nas diferentes vivencias que teñen as persoas que dan vida a estas historias.

Eu procuro non adoptar actitude negativa cara o novo, procuro convertelo nun reto para facernos valer diante dese reto

- O proceso do que falas está a supoñer unha perda de identidade clara, non?


- Eu procuro non adoptar actitude negativa cara o novo, procuro convertelo nun reto para facernos valer diante dese reto. As transformacións non son evitables, están aí e impóñensenos e a mellor maneira de sobrevivir é aceptalas e controlarmos nós ese proceso. A peza fundamental de todas esas transformacións é que nós sexamos donos do noso futuro facéndoo noso. No momento de empezar a promocionar 'As badaladas de Anllóns' cando me chamaban dos distintos medios, no curso dunha entrevista lembrei o uso das novas tecnoloxías, como está presente na mocidade, e preguntei como se dicía 'tuit', e os rapaces non sabían, e no galego temos a expresión "chío", eu lembrábame da expresión "non deas un chío, se non, cobras". Fíxate que exemplo máis fermoso de como manter o noso sen que por iso a tecnoloxía nos impoña -neste caso- anglicismos. Pódese combinar, porque pensar que nos podemos pechar en nós mesmos e negar o que pasa ao noso arredor non me parece o camiño. Hai que aceptar o reto e buscar como estar aí presente, e iso vémolo diariamente, vemos como os rapaces e rapazas fan rap en galego, como queren facer rock... e iso é o que dalgunha maneira procuro amosar nos distintos relatos que conforman as 'Badaladas'. Iso si, non son relatos pensados en clave de xente nova de hoxe en día. Nesta ocasión, para non perder eu o fío coa Galiza que viviron os meus pais. Hai historias de antes da República, nos anos da Guerra, vivencias de persecucións, e nos anos do 'desarrollismo'. Pero sempre tendo ese reto como tal, facéndolle fronte e non negándoo, que é absurdo, senón facéndoo noso e dominando nós o cambio e non que nos domine el de forma cega converténdonos en apéndices, en meros átomos, en meros números. 

"Ese ar de urbanidade, de nos deixamos levar polos tempos, pode acabar desembocando en abandonar as nosas raíces"

- Como vai o resultado do partido?
- Este partido non remata, o partido segue e vai depender da vontade que teñamos de facernos valer. Cando máis nos deixemos levar en plan "todo o que veña de fóra está ben" máis diluidos quedaremos. E se nos empeñamos en non querer asumir eses retos porque non vai con nós, claro, perderemos a ocasión de demostrarnos tal cal somos nos novos soportes. Un aspecto importante é ter o control do proceso e ser protagonistas do proceso e estar, non fuxir. É difícil, é complexo, e corremos un risco, pero máis risco é pecharnos en nós mesmos. Hai que estar e facerse valer. E recollerase semente. 

- A túa novela anterior ambientáchela en Ribadeo.


- Si, 'O soño de Xoán', que hai xa dous anos que saíu, é de ambientación histórica, aínda que o tema que trataba é moi de actualidade porque a actitude da censura, neste caso da Inquisición, perseguindo ideas distintas, era unha evocación do espírito da revolución científica, dos aires modernos que traían as ideas de Copérnico, Kepler, Galileo... que se podería trasladar a actualmente. Decidina ambientar aquí porque naquel momento atopeime lendo moita historia local de Ribadeo e a verdade é que había un filón importante aí para poder desenvolver temas de carácter universal, porque a persecución das ideas é unha constante na historia da humanidade e simplemente pois o que fixen foi acoplar o tema da revolución científica ao local. Claro que moitas veces é máis tentador pensar nunha gran novela que evoque estas ideas ubicándoa en Amsterdam ou en Londres, pero eu tiña ganas de traelo ao local. Se somos quen de imaxinarnos o espírito de revolución científica no XVII, tamén poderemos ser quen de vivir procesos de transformación nas nosas propias localidades. Temos que converternos no centro do noso mundo e facernos con el. 

"Pensar que nos podemos pechar en nós mesmos e negar o que pasa ao noso arredor non me parece o camiño"

- Como veñen as historias a ti?


- Escoitando moito. Moitas destas historias son froito dun traballo de campo que fixen no primeiro ano de carreira en Santiago. Eu fixen Filosofía e Ciencias da Educación e tiñamos unha materia que era Antropoloxía Cultural que nos daba Marcial Gondar. E parte dela tiñamos que superala facendo traballo de campo e eu fíxena nunha aldea de interior. Foron moitísimas horas de conversa falando con moita xente da parroquia de Montemaior do concello da Laracha, de onde é meu pai. E iso xa deixou unha impronta considerable, eu era consciente de que aí tiña un tesouro e que máis tarde ou máis cedo había de derivar nalgúns escritos. Despois durante bastante tempo tiven aparcada a miña afección a escribir por razóns persoais e unha vez que retomei esta actividade, e a orixe de moitas historis está nesas gravacións. E logo xa desde moi pequeno gustábame preguntarlle ás miñas avoas, aos veciños... Era moi curioso, e as ideas valas modulando, recreando, transformando e despois tamén les, e xurdiron un feixe de historias que están aí nos distintos relatos. 

A destrución foi importante e reconstruír todos eses lazos e lograr reconducir a actividade cultural está costando. Iso si, tamén espertou moito a imaxinación.

- Levas escribindo desde a universidade, e agora compaxinas a escrita coa docencia e co teu labor político, tamén no terreo da xestión cultural. Como ves o sistema literario galego desde todas esas perspectivas?


- O sistema literario galego salta á vista que está atravesando anos difíciles. De feito, no libro eu falo de que estes son tempos similares aos dunha guerra. Non hai mortes tan evidentes, nin edificios derrubados, pero no plano inmaterial hai moitísimos lazos, moitísima actividade que desapareceu e parece que pasou por aquí a apisonadora dunha guerra e, posteriormente, a consecuente represión do bando vencedor. Cal é o vencedor nesta ocasión? É o sálvese quen poida e quen non, que se apañe, a insolidariedade... Nese sentido a destrución foi importante e reconstruír todos eses lazos e lograr reconducir a actividade cultural está costando. Iso si, tamén espertou moito a imaxinación, non tanto no plano literario, senón no mundo do espectáculo, en maneiras de facer, en como os grupos musicais se van reestruturando e se foron combinando entre si para facer máis asequible a súa oferta. A xente non quedou parada, moveuse, pero foron anos duros. Eu no labor institucional como concelleiro de Cultura só levo dous anos, pero anteriormente na asociación Francisco Lanza de Ribadeo, decatatábaste de que era era moi difícil. Mesmo aínda que haxa vontade política, os recursos minguaron moito, e o do libro é unha situación difícil. Eu non quero ser pesimista e quero mirar para adiante e achegar o meu minúsculo grao de area, pero hai que potenciar o libro galego e a nivel comarcal e local temos un papel importante que cumprir porque se non, pintan bastos. Pero quero ser optimista, iso si, co traballo de todos os días, non optimista de sentar e agardar a que pase o temporal. Non, movéndonos, facendo cousas e aventurándonos.