KARRA ELEJALDE, ACTOR

“Temos que implicarnos para que a xente vaia ao cine a ver A Esmorga”

“Temos que implicarnos para que a xente vaia ao cine a ver A Esmorga”
Karra Elejalde
Karra Elejalde  

O actor vasco Karra Elejalde fálanos da súa experiencia na película A Esmorga ao remate da sesión de dobraxe, realizada en Compostela. Dóbrase ao español xa que tamén el rodou o papel do Bocas en galego. O filme estréase a sexta feira 21 de novembro.


Con máis de 50 películas na súa traxectoria, Elejalde considera que a rodaxe de A Esmorga foi das máis duras; ora, non oculta a súa satisfacción polo resultado. Agora está, canda toda a equipa, comprometido na súa promoción.

-A rodaxe dunha longametraxe en galego é un acontecemento singular, que un actor de fóra asuma representar o papel en galego case un milagre. 

Non só galego, senón con sotaque de Ourense!! Foi idea do director Ignacio Vilar. Cando me chamaron resultoume estraño, mais el empeñouse e decidín intentalo. Tiven dous coachings que quero reivindicar. Foi unha ousadía, a dicir verdade. 

-E se aquí o poñen como exemplo contra os atrancos no uso da lingua?

Non son exemplo de nada, senón un cúmulo de desastres! Ás veces toca meter sotaque arxentino ou italiano e desta volta foi co galego. Os actores temos que ser solventes. Eu boteime para adiante e os compañeiros dixéronme que o facía bastante ben. Vírono lingüistas e non fixeron grandes críticas. O que acontece é que unha parte da túa capacidade está dedicada a foneticar ben e ao mellor é preciso abandonar outras facetas. 

-De Oito apelidos vascos, grande éxito de billeteira, a unha película na que se ten que implicar na promoción e ten como obxectivo encher as salas para continuar en cartel. Como afronta estas dúas situacións como actor?

"A Esmorga é das películas máis duras que me tocaron rodar". 

Oito apelidos estreouse cando eu rodaba xa A Esmorga. Explicáranme que é un texto do escritor Blanco Amor e que era de obrigada lectura, un máximo expoñente da cultura galega. O tema pareceume marabilloso. Os tres personaxes son unha larpeirada para un intérprete. Trátase dun drama, mais tamén hai momentos nos que son felices nesa esmorga. Son vasco e somos moi parecidos, polo clima, a comida... Interesábame rodar en Galiza. Sentinme como na casa. Estou moi contento co resultado, a verdade. Sufrimos moito, con moita chuvia, moito frío, destemplados... Durante a rodaxe padecemos oito cicloxénese seguidas e tivemos que botar man de neopreno, de camisetas térmicas... A Esmorga é das películas máis duras que me tocaron rodar. Tamén é certo que se non fixera frío, non podería saír bafo das nosas bocas, non hai técnica que o faga. Dos partos difíciles saen os nenos listos. Sempre que se sofre soe merecer a pena e neste caso creo que así é. 

-E como foi o seu achegamento á novela de Blanco Amor?

Pois lina en español e parecíame dificilísima para pasar a película. Hai un monólogo de Cibrán no que o xuíz fai preguntas con puntos suspensivos que pensei que sería imposíbel levalo a guión. O resultado é unha estupenda adaptación. Tivemos tamén un compañeiro para axudarnos na representación dos estados de ánimo e a equipa estivo moitos días dándolle voltas ao texto entre todos para deixalo niquelado. Estivemos quince días traballando arredor da película e iso foi unha axuda inmensa de maneira que cando chegamos xa sabiamos o que tiñamos que facer. En toda a miña carreira nunca fixen unha cousa así, unha preparación tan intensa. 

-Traballa con dous dos mellores actores galegos, Miguel de Lira e Morris, como foi o encaixe?

Dous excelentes actores, compañeiros e amigos. A día de hoxe aos tres lévanos o mesmo representante. Os amigos fanse nas guerras e de aquí saímos amigos. O traballo desta película foi apaixonante tamén por iso. 

-Comeza agora unha promoción única na historia do cine en Galiza. Ignacio Vilar caracterízase por buscar o encontro directo co público. Que lle parece ese esforzo cando o filme está xa rematado?

Ignacio fai que as súas películas se vexan. Coida os seus proxectos non só na rodaxe e a montaxe, senón cando xa van ás pantallas. Cre no que fai e iso nótase. Fixo un traballo de artillaría para encher Galiza de cartaces e agora nos toca estar en foros, a través de mil maneiras. Vai ser marabilloso e temos que implicarnos para conseguir que a xente vaia ao cine e vexa a película. 

-A exportación é sempre complexa, como cre que se pode ver esta película fóra de Galiza?

O acervo cultural é distinto. En Ourense todo o mundo leu a novela. Eu, que me movo no mundo da cultura, descoñecía Blanco Amor. Está o exemplo de Pa Negre mais non é o mesmo. A campaña vai ser moi grande en Galiza e conto tamén con que vaia ben fóra. As expectativas son boas. A que está caendo no cine fai que as cousas sexan moi difíciles, mais se non pensara que vai ir ben non tería vindo a facela. Deixamos toda a carne no asador e agora dependemos de que o público responda. 

-Da súa traxectoria moita xente descoñece que vostede foi letrista de bandas do rock radical vasco como Hertzainak

Foron dos mellores momentos da miña vida, a verdade. Sempre escribín poesía e daquela escribía moitas letras para bandas de rock, entre elas, Hertzainak que vén sendo policía, por aquilo de The Police. Isto vén sendo como se se lle pregunta a Antón Reixa pola movida... pasaron xa tantos anos... mais foi moi bonito.