ÚRSULA HEINZE

“Teño máis de setenta libros publicados, pero nunca percibín un recoñecemento”

“Teño máis de setenta libros publicados, pero nunca percibín un recoñecemento”
[Imaxe: Mario Regueira] Úrsula Heinze
[Imaxe: Mario Regueira] Úrsula Heinze  

Úrsula Heinze (Köln, 1941), é unha das escritoras alófonas máis senlleiras da cultura galega. Afincada en Santiago de Compostela desde finais dos anos setenta, a súa voz destacou na literatura infantil e xuvenil e na narrativa para adultos das décadas dos oitenta e noventa, chegando a ser a primeira muller en gañar premios da categoría do Merlín ou do Blanco Amor de novela. A pesar de que nunca abandonou a escrita pública, esta segunda década do século XXI ofreceunos o seu retorno á narrativa coas novelas Pon un psiquiatra na túa vida (Alvarellos, 2017) e, nos últimos meses, Delirios de pracer (Aira, 2018), unha obra audaz e que avanza por territorios practicamente inexplorados na literatura galega. Unha práctica, a de descuberta de novas perspectivas, que sempre se relacionou coa súa obra.


2Delirios de pracer é un libro novo nunha nova editora e que ademais toca unha temática, a da sexualidade feminina na vellez, nunca vista na literatura galega. Que recepción está tendo a obra?

O certo é que é un tema que, non sei por que, ten moi pouca repercusión. Os outros libros, que falaban da experiencia psiquiátrica, tiveron moita máis resonancia. Neste caso non foi así, non sei se é por tratar un tabú que a xente non se atreve a ler, ou por ser un libro publicado por unha editorial pequena e nova como Aira. Aínda que tamén teño que recoñecerlles que o publicaran, pois foi un libro difícil de sacar adiante. Mesmo me dixeron que o problema era que non hai ningunha editorial que se dedique á literatura erótica en galego, que en España si. Pero eu en España non pinto nada, quería sacalo en galego. Recibín moitas negativas, pero eles comprometéronse e sacaron a obra bastante rápido, ademais.

Hai moitos temas complexos e polémicos dentro da obra ademais do tema da vellez: a muller que exerce a súa autonomía respecto da súa propia sexualidade, ou o tema do traballo sexual. Cal foi a principal dificultade á hora de abordalos?

O tema da sexualidade quedaba pendente da miña novela anterior Pon un psiquiatra na túa vida (Alvarellos, 2017). Hai un momento no que a protagonista lle pregunta ao psiquiatra como pode xestionar a súa sexualidade e el non contesta, desvía o tema. Sabía que tiña que coller iso e facer algo con el, e o problema era como atacar un tema así. Dentro da trama entendín que era unha muller maior que dificilmente podía atraer unha persoa nova, así que tiña que pagar polo sexo, algo que é tamén un risco. Enfrontábame, porén, a un dobre problema, xa que eu non coñecía o mundo da prostitución e iso presentábame unha dificultade mesmo léxica. Por sorte teño unha amiga que sabe un pouco máis ca min e puiden preguntarlle e traballar as expresións, atopar os xiros apropiados. Moitas veces dicíame: “Non, non é iso o que queres dicir”. Foi problemático, pero é que tampouco hai moitos recursos que consultar á hora de traballar a expresión do erotismo en galego.

A sexualidade é un elemento que sempre estivo moi presente na súa obra. É complexo escribir sobre iso para o público galego?

Ao meu ver, o sexo é algo que necesitas toda a vida, polo menos se fisicamente o podes permitir. No contexto galego hai unha noción cultural de que a partir de certa idade é algo do que se pode prescindir. E iso de que a muller teña ganas de sexo é algo que aínda se tolera mal. Hai máis a perspectiva dunha obriga da muller dentro do matrimonio, penso que é unha idea que vén da influencia da Igrexa e tamén da educación na casa. Hai diferenzas xeracionais, claro, pero o tema segue a ruborizar. O sexo segue a ser visto como algo malo, como algo sucio, e penso que moita xente non goza con el. O que quixen deixar claro é que o sexo pode ser un goce, non ten que ser unha obriga que acaba a certa idade. E mesmo, nas mulleres, que a partir de certa idade se pode mesmo desfrutar máis.

Na trama de Delirios de pracer a cuestión da sexualidade comeza como unha necesidade física e humana da protagonista e acaba tendendo lazos sentimentais. Non é un tópico que o sexo das mulleres ten que estar ligado aos sentimentos?

O que eu quería destacar é que todo o mundo ten necesidade de sexo, con ou sen sentimento. A miúdo combínase cunha paixón sentimental, pero non sempre é así e non ten que ser así. No inicio, a muller está casada, e é puramente sexo o que precisa, aínda que despois poida evolucionar a outras cousas.

[Podes ler a entrevista no número 331 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]