XAQUÍN NÚÑEZ, PROFESOR DA UNIVERSIDADE DO MINHO

“Tense mellorado de maneira considerable nas relacións galego-portuguesas nos últimos anos”

“Tense mellorado de maneira considerable nas relacións galego-portuguesas nos últimos anos”
Xaquín Núñez
Xaquín Núñez  

Hoxe sexta feira e mañá sábado celébrase na Universidade do Minho en Braga unhas xornadas que conmemoran o 20 aniversario do primeiro Teatragal, que reuniu axentes da escena dramática de ambos os dous lados do Miño. Falamos con Xaquín Núñez, profesor compostelán desta universidade.


- Celébrase estes días na Universidade do Minho os 20 anos de Teatragal, os encontros de teatro galego-portugueses. Que balance fai destes encontros?
- A primeira edición foi hai 20 anos, e só houbo tres edicións. Como este ano o Instituto de Letras conmemora os 40 anos e a compañía de teatro de Braga os 35, entendemos que era o momento polo significado que tiveron os Teatragal no seu momento, conmemorar os primeiros 20 e facer un balance do que teñen sido as relacións teatrais entre Galiza e Portugal, onde houbo iniciativas moi interesantes e segue a haber. De feito no programa está incluída a representación da obra de teatro de Cándido Pazo 'A canoa', montada pola Escola da Noite de Coímbra, polo tanto síguense a dar espectáculos con participación de ambos os dous lados da raia. 

- O teatro é quizais a arte onde hai máis interrelación entre Galiza e Portugal, non?
- A min cústame cuantificalo, porque non coñezo polo miúdo outros casos, pero si que é certo que no teatro ten habido un fluxo e un interese importante. Mesmo de público, porque as últimas montaxes de teatro que ten habido en Santiago, por exemplo, de teatro portugués normalmente teñen un seguimento de público considerable. 

- Tamén van estar os dous últimos directores do CDG aí, Manuel Guede e Fefa Noia. 
- Si, Guede foi unha persoa que nos axudou. Ten unha relación moi fluída co director da compañía de Teatro de Braga, puxo moito empeño en que as relacións entre ambos os teatros foran adiante. De Fefa Noia debo dicir que acolleu a iniciativa con entusiasmo desde o primeiro momento. E Xulio Lago, de Teatro do Atlántico; Marta Pazos de Voadora, Fran Núñez de Limiar, está a haber unha representación representativa, valla a redundancia. 

 “No teatro ten habido un fluxo e un interese importante, mesmo de público”

- A nivel académico, como ves a relación entre Galiza e Portugal?
- Na Universidade do Minho funciona desde hai moitos anos o Centro de Estudos Galegos, que ten sido desde hai moitos anos unha plataforma moi activa dentro das relacións luso-galaicas. Non podemos esquecer que o ano pasado Ramón Villares foi nomeado doutor honoris causa da UMinho, este ano dentro do programa dos 40 anos hai unha significativa presenza de actividades que tiñan a Galiza como protagonista: o Día da Galiza en Braga, a Semana Cultural Portugal-Galiza... E a nivel de investigación, de algunha maneira, os que estamos dentro da área de estudos españois moitos proveñen do Centro de Estudos Galegos, quero dicir que está presente toda a investigación que ten que ter coa cultura galega. 

- A nivel social que cres que queda por facer nas relacións entre Galiza e Portugal?
- Eu creo que hai un progresivo interese e crecemento de iniciativas dun e doutro lado. E logo, claro, a cultura portuguesa é unha cultura, en termos sistémicos, consolidada, e a galega ten máis déficits, pero eu creo que se ten mellorado de maneira considerable nas relacións galego-portuguesas nos últimos anos. Claro que aínda queda moito descoñecemento, queda moito por facer, pero creo que é preciso contemplalo desde unha certa perspectiva e nese sentido, creo que actividades como esta senta unhas bases importantes para iso. 

- Outra das actividades é unha exposición de Valle-Inclán, que é precisamente a súa especialidade. 
- Si, estou no Grupo de Investigación Valle-Inclán. A mostra non está dentro do programa, foi inaugurada o 12 do abril, é unha expo do Consello da Cultura. 

- Como cres que está a decorrer o 150 aniversario do seu nacemento?
- Cónstame que por parte da cátedra Valle-Inclán ten unha serie de iniciativas para facer estas conmemoracións, pero non me compete a min valoralas. Aquí intentamos traer a expo precisamente por esta razón e por iso a conferencia inaugural será impartida por Manuel Guede e José Martins, ambos montaron a Valle-Inclán, e ese é o noso contributo á efeméride. 

- E que opina de que nin sequera este ano se poida representar en galego Valle?
- Son cuestións que teñen que ver cos dereitos de autor. É unha decisión que lle compete a quen ostenta os dereitos. Supoño que unha vez que a obra pase a ser de dominio público, tanto investigadores como tradutores serán libres para traducilo. 

- O 1 de xaneiro de 2017 liberarase de dereitos a súa obra. Que cres que suporá? Haberá aluvión de representacións?
- Pois non o sei. O ano de Valle-Inclán é este, este ano podería haber. Pero Valle-Inclán é moi difícil, hai que ver a viabilidade da produción, hai condicionantes moito máis forte que que sexa en castelán ou en galego. Non sei se vai haber unha representación potente. Son variables que tamén entran en xogo. En portugués apenas está traducido e tamén pouco representado pero hai que ter en conta que Valle foi un autor pouco representado durante moito tempo.