A PRINCIPAL CITA LITERARIA DE PORTUGAL

Teresa Moure, O Leo, Cesáreo Sánchez ou Uxía, no festival Correntes d'Escritas

Teresa Moure, O Leo, Cesáreo Sánchez ou Uxía, no festival Correntes d'Escritas
Cartaz da 20ª edición do Correntes d'Escritas. Imaxe: cedida.
Cartaz da 20ª edición do Correntes d'Escritas. Imaxe: cedida.  

A 20ª edición do encontro Correntes d'Escritas, que esta segunda feira comeza en Póvoa de Varzim, conta con importante presenza galega. Teresa Moure, Cesáreo Sánchez Iglesias, a cantante Uxía ou Compostela como cidade convidada son algúns dos integrantes da delegación.
 


A terza feira, 19 de febreiro, Uxía, acompañada de Sérgio Tannus e Mû Mbana, oferecerán un concerto no Cine-Teatro Garrett. Dous días despois, quinta feira, o poeta e presidente da Asociación de Escritoras en Lingua Galega Cesáreo Sánchez Iglesias participará na mesa redonda Nesta manhã eu recomeço o mundo? canda, entre outros, o poeta portugués Nuno Júdice. A propia Uxía recunca nesa xornada no debate Não te ofenderei con poemas.

A novelista e ensaísta Teresa Moure fará parte do relatorio E as minhas mãos non podem prender nada a sexta feira, 22 de febreiro. Carlos Quiroga, no Aprendi a viver en pleno vento. Na noite dese día, O Leo i Arremecághona e poeta Xabier Xil Xardón exporán a súa última aventura poético musical, Detéxtonos, a partir dos textos deste último.

Xa no sábado 23 de febreiro, Quico Valeiras presentará o proxecto da libraría Chan da Pólvora, localizada na rúa San Pedro de Santiago de Compostela, e especializada en poesía. Ademais, María Meijide explicará os seus volumes de debuxo De Usuaia a La Quiaca, caderno de viaxe, e Mapa Emocional de Compostela.

Correntes d'Escritas fai 20 anos. É “o máis antigo e o maior festival literario do país”. Dedicado ao intercambio e debate entre “escritores de expresión ibérica”, o presidente da República de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa encargarase de inauguralo a terza feira, 19 de febreiro, ás 11.30 horas.



x