Teresa Moure, nova membro numerario da Academia Galega da Língua Portuguesa

Teresa Moure, nova membro numerario da Academia Galega da Língua Portuguesa
Teresa Moure
Teresa Moure  

A Academia Galega da Língua Portuguesa decidiu o pasado sábado no seu plenario nomear académica numeraria á escritora Teresa Moure, segundo anunciou ela mesma nas redes sociais. 


Teresa Moure (Monforte, 1969) será a cuarta muller no seo da AGLP, xunto con María Seoane Dovigo, Concha Rousía e Isabel Rei Sanmartín. Hai -en total- 34 académicos numerarios, sendo presidente da Comisión Executiva José Martinho Montero Santalha e vicepresidente Isaac Alonso Estraviz. 

Moure, alén de doutora en Lingüística xeral e profesora nas facultades de Filosofía e Filoloxía da USC, é unha destacada escritora que ten ampla obra publicada tanto en narrativa, como teatro, poesía ou ensaio. Gañou boa parte dos principais premios do mundo editorial galego, como o Lueiro Rey, o Arcebispo San Clemente, o Ramón Piñeiro ou o Xerais. 

A escritora expresou nas redes sociais o seu agradecemento: "É unha honra vir a facer parte do grupo. Espero saber responder á confianza en min depositada. Continuaremos a traballar por esta nosa lingua extensa, intensa e útil!".