“Tesouros do tempo”, o catálogo “cidadá” do patrimonio de Pontevedra

“Tesouros do tempo”, o catálogo “cidadá” do patrimonio de Pontevedra
Ponte do Burgo
Ponte do Burgo  

O muíño de Abaixo, o local social recreativo de Lérez, o castro do Monte dos Penedos, a Fonte Lunares... recóllense na páxina web “Tesouros do tempo”, un catálogo dixital do patrimonio de Pontevedra, promovido polo Concello de Pontevedra e construído colectivamente. 


Como o propio patrimonio cultural, tamén a páxina web “Tesouros do tempo” que vén de activar o concello de Pontevedra a través da concellaría de Patrimonio Histórico, quere estar construída coas mans de entidades e persoas amantes do seu ben común. Co obxectivo de conservar, catalogar e difundir o patrimonio cultural, de maneira especial o rural, a concellaría da que é responsábel Luís Bará convida a colectivos e á veciñanza a contribuír a este catálogo dixital, identificando elementos ou completando a información que se publica. Como noutras liñas de actuación da Concellaría de Patrimonio Histórico, a filosofía da que parte esta nova iniciativa é a de manter a natureza colectiva do patrimonio,  comprometer á cidadanía na conservación e promoción deste ben común herdado xeración tras xeración . 

“Tesouros do tempo” artéllase en tres seccións, catálogo, roteiros e novas. O catálogo, aberto a novas incorporacións, preséntase como un repertorio organizado en bens arqueolóxicos, etnográficos, arquitectónicos e infraestruturas. En breve, o obxectivo é incluír tamén o patrimonio inmaterial que sexa recollido, desde lendas a contos, cantigas, danzas, festas, rituais ou saberes tradicionais. A colaboración da cidadanía permitirá ampliar o catálogo e incluír imaxes, datos ou documentación que complete cada unha das entradas patrimoniais. 

Roteiros naturais, urbanos ou nas parroquias

Roteiro do Encoro do Pontillón do Castro, Roteiro das Mouras, Sendeiro do Lérez, a Pontevedra de Castelao, Roteiro dos Gafos... son algunhas das propostas para coñecer a cidade e as parroquias a través dos seus bens patrimoniais. En cada unha das propostas, mapas, tempo aproximado de duración, dificultade e elementos a visitar á manira dunha guía para convidar a coñecer Pontevedra a pé, por espazos moitas veces descoñecidos e sorprendentes. Sendas naturais, roteiros urbanos e roteiros nas parroquias son os tres apartados nas que se irán artellando as distintas camiñadas. Finalmente, a través de novas, a cidadanía poderá ter información puntual das distintas actividades así como a posibilidade de se inscribir cos datos na propia páxina. 

“Temos moitos tesouros por descubrir, por coñecer, por protexer. As portas están abertas, entra, é a túa casa”, convidan na presentación de “Tesouros do tempo”, unha páxina que nace con vocación participativa e colectiva, coa implicación da cidadanía e entidades “que cren nos valores do patrimonio cultural como ferramenta de cohesión, de identidade, de dinamismo e goce colectivo”. 

Cal é a ponte de máis encanto de Pontevedra?

Que Ponte de Pontevedra ten máis encanto? A do Burgo que atravesa o Lérez pola cidade? A medieval de Bora? A de Ponte Sampaio? Á pregunta pódese responder en “Tesouros do tempo” onde será a propia veciñanza a que escolla entre as múltiples pontes que lle dan nome e son símbolo de Pontevedra, como un elo máis para achegar á cidadanía ao patrimonio que é o seu ben común, o seu tesouro construído a través do tempo.